Unhas novas piscinas para o século XXI

63

    • Esta mañá formalizouse a sinatura do contrato para reformar o Complexo deportivo de Campolongo que terá un investimento global de 34 millóns de euros nos vindeiros 20 anos.
    • Ampliarase a superficie construída até os 5.700 metros2 ampliando o volume da edificación e gañando espazo cara a entrada actual e cara a Igrexa.

O Concello de Pontevedra formalizou esta mañá a sinatura do contrato coa empresa Serviocio – Beone para a reforma das piscinas de Campolongo, un momento no que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, amosouse “moi satisfeito”, xa que despois de 24 anos de uso da instalación “podemos facer unha remodelación completa”. O investimento previsto para estes 20 anos de concesión será de 34 millóns de euros.

A intervención suporá unha transformación das instalacións actuais para acondicionalas  ao século XXI, baixo dúas premisas: sustentabilidade ambiental e incorporación das novas tecnoloxías.

Farase unha remodelación total do complexo deportivo e só quedará a superficie da lámina de auga. Ampliarase a superficie construída que pasará de 3.800 metros2 a 5.700; e a de actividades en seco de 700 m2 a 1.600 m2. Gáñase espazo na planta baixa, abrindo o edificio cara o paseo que está ao carón da Igrexa, que lle dará luminosidade a toda instalación.

Tamén se incorporarán e mellorarán servizos como ludoteca, a área de fisioterapia completarase con nutrición, e haberá máis salas para fitness e actividades deportivas pasando de 4 a 9.

As piscinas estarán en obras un prazo máximo de 6 meses, polo que terán que permanecer pechadas durante un tempo. Aínda que está sen concretar cando empezará á reforma, todo apunta que será cando baixe a actividade da propia instalación, e o novo contrato entrará en vigor o primeiro día de estreo das novas instalacións.

Cabe lembrar que a empresa Serviocio-Beone presentou unha oferta económica de 4,6 millóns de euros; ofrece unha redución do 100% das tarifas sociais; dun 2,5% do resto de tarifas; 60.000 euros/ ano de canon o que suporá 1,2 millóns de euros dado que hai que ter en conta a revalorización do canon dende o ano 2020; e non aceptará o millón de euros públicos de investimento ofrecidos polo Concello para asumir a reforma das instalacións.

Ademais da oferta económica, a empresa tamén propón maior horario de apertura da instalación sobre os mínimos esixidos polo Concello que se resume nun maior horario de uso en época invernal: iniciando a actividade as 6:45 e finalizando as 23:30h, con horario continuado de apertura os sábados dende as 9:00 horas ata as 21:00 horas; e en época estival, se mellora a proposta mínima, coa apertura os domingos pola maña.

Na xestión da piscina, Serviocio propón un incremento de rúas para actividades programadas polo Concello. Sobre unha reserva mínima de 60 módulos horarios ao longo da semana, a empresa fai unha proposta total de 212 módulos (supón un incremento do 253%) horarios ao Concello.

Outra das moitas melloras que inclúe a oferta de Serviocio, é un investimento de 400.000 euros para novo equipamento deportivo. Ademais, incrementarase o espazo deportivo das instalacións, con máis salas xa que desaparecen as pistas de squash e bótase unha placa para completar o primeiro andar, entre outras ampliacións.