Pontevedra esperta o interese de París no congreso de Le Havre

58
    • O alcalde Lores participa no Encontro Internacional de Cidades e Territorios Positivos convidado por Carlos Moreno, asesor de Anne Hidalgo, que lle transmitiu o interese de que participe no mes de novembro nun encontro na capital francesa.
    • Lores participa na conferencia de clausura do congreso para dar a coñecer a súa experiencia na recuperación do espazo público para os pontevedreses.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores participa hoxe no LH Forum, o Encontro Internacional de Cidades e Territorios Positivos (Le rendez-vous international des villes & Territoires Positifs) organizado pola Fundación P+sitive Planet na localidade francesa de Le Havre. Este foro foi creado en 2012 por Jacques Attali (teórico economico e social francés, escritor e asesor político de distintos gobermos -Mitterrand ou Sarkosy- e considerado por Foreing Policy, un dos 100 mellores pensadores globais) e está dirixido ao público en xeral. Reúne a todos os actores comprometidos cunha transción positiva e sostible dos territorios.

O convite dirixido ao alcalde de Pontevedra foi cursado por Carlos Moreno, (científico e catedrático de Territorio da Sorbona) asesor da alcaldesa de Paríns, Anne Hidalgo. O alcalde mantivo esta mañá un encontro con el e con Jacques Attali, que lle propuxeron viaxar a París a finais de novembro para participar nun encontro internacional sobre a pegada de carbono nas cidades e o medio ambiente urbano. O alcalde podería inagurar o foro xunto á alcaldesa de París, nestes momentos inmersa na decisión política de humanizar a îlle de France.

Fernández Lores asistiu ao congreso dende a mañá, e puido comprobar gratamente a relevancia que Pontevedra está a ter no congreso. Tamén mantivo contactos con outros alcaldes, como o de Grenoble, Éric Piolle, tamén presente no foro, e xa coñecido polo rexedor pontevedrés.

A economía positiva, segundo P+sitive Planet, é a que promove o crecemento responsable, sostible e inclusivo, que respecte o medio ambiente e sirva á sociedade. Un dos seus compromisos é reunir aos actores que teñen un impacto positivo para as xeracións futuras, crear conciencia sobre as iniciativas positivas que existen en todo o mundo e apoiar ás nacións, territorios e empresas na súa transformación positiva.

Este é o marco no que o alcalde impartirá esta tarde a conferencia de clausura do Forum, acompañado de Jacques Attali, e o alcalde de Le Havre, Luc Lemonnier.