Arrancan as obras do campo de fútbol de herba sintética de Campañó

27

    • Os concelleiros Anxos Riveiro e Demetrio Gómez visitaron esta mañá os primeiros traballos, que se prolongarán durante uns seis meses.
    • O investimento achégase ao millón de euros.

O luns comezaron as obras para construír o novo campo de herba sintética en Campañó, no lugar da Tomba. Esta mañá os concelleiros Anxos Riveiro e Demetrio Gómez, responsables de deportes e de obras, visitaron os primeiros traballos que consisten no movemento de terras e roza da parcela.

Demetrio Gómez explicou que o campo supón un investimento de case 1 millón de euros , executado pola empresa Elsamex, “e será unha obra significativa na parroquia”. De feito, atópase no que será  un novo núcleo de centralidade parroquial “porque é a entrada ao parque da Tomba, que tamén se está a tramitar”.

Explicou que o proxecto, que ten un prazo de execución de 6 meses, será unha obra “moi significativa xa que os edificios do campo van lembrar unha aldea galega, cunha configuración de edificios, máis ou menos, desordeados que, neste caso, terán unha visión especial porque vai ser dende arriba”.

O campo de Campañó forma parte de rede de campos de fútbol que o Concello está creando en distintas parroquias do rural. Xa está en marcha o de Cerponzóns, en obra o de Santa María de Xeve de Ponte Sampaio. Nesta semana comeza o de Campañó e en proxecto o de Salcedo.

O campo de Campañó

Un dos retos na construción do campo de Campañó é integrar a instalación no ámbito do parque forestal e deberá completar a zona deportiva e de lecer (e produtiva) que se creará ao habilitar ao crear o Parque forestal da Tomba.

O campo estará instalado nun socalco entre un camiño forestal e a estrada provincial de Campañó, polo que a nova instalación deportiva aproveita o terreo até o límite (95m x 53m). O resultado será un campo de fútbol 11 e dous campos de fútbol-7. A iluminación retirarase até o extremo para aproveitar ao máximo o terreo de xogo.

Instalaranse catro vestiarios para deportistas e dous para árbitros. O campo de herba cumprirá os parámetros da Fifa Quality. Tamén disporá de bancada, aseos, cantina, almacén e zona de maquinaria.

As edificacións disporán dun recubrimento de Viroc (lousas de fibrocemento) que mimeticen os edificios co terreo. Como singularidade, terán cinco fachadas. Estarán dispostos de tal xeito que parece un só edificio polo que se “filtran” as persoas usuarias, aínda que en realidade o público só pode entrar entre os tres edificios finais para pechar a zona dos futbolistas

O camiño de acceso mellorarase pero manterase o seu trazado. Na creación deste campo, usaranse materiais de alta calidade, con solucións altamente probadas, e fáciles de manter.