Descúbrese un monolito co “Meu Pontevedra” de Castelao en Matalobos

65
    • Faise aproveitando o remate dos traballos de seguranza viaria na contorna do CEIP San Martiño

O Concello de Pontevedra inaugura esta tarde o remate das obras do calmado e reordenación do tráfico na contorna do CEIP San Martiño, en Salcedo, co descubrimento dun monolito, no lugar de Matalobos, que recorda as verbas do poema de Castelao “Meu Pontevedra”, recollido no libro “As cruces de pedra”

“Para sentir o orgullo de ser fillo da terra máis fermosa do mundo, eu rubo ao pinal de Matalobos, que está enriba da eirexa de Salcedo. Séntome nas pedras do valado, e chanto os ollos na ría que durme antre veigas e florestas. Asisto a transformación d-un día de sol en noite de luar. Alí sinto como en ningures a necesidade cósmica da patria e sei que son un anaquiño de eternidade galega. ¡Meu Pontevedra!”

O Concello fixo este calmado de tráfico cun custe de 110.492,62 euros adxudicado á empresa Covsa, e consistiu na reordenación de todo o estacionamento que existía diante do colexio, e acoutou o lateral da vía con cabida para 31 prazas, mentres que o camiño que baixa do Pazo ao colexio é peonil. Son algo máis de 120 metros de vía.

Tamén se instalaron tres redutores de velocidade (lombos)e a velocidade será 20 co fin de garantir a seguridade dos nenos e nenas.