Novo impulso á xestión dos residuos ao estender a reciclaxe a todo o rural

68

    • A Concellaría de Servizos cambiará as illas de reciclaxe no ámbito urbano e triplicará as illas do rural, instalando 175 neste trimestre. O propósito é que cada persoa teña unha illa de reciclaxe a menos de 250 metros da súa casa.
    • Xa está moi avanzado o estudo para sacar a contratación a limpeza de todas as dependencias municipais, centros sociais incluídos.
    • En dúas semanas incorpóranse os técnicos que permitirán manter os composteiros comunitarios e crear novos noutros barrios da cidade. Os seguintes, na Parda.
    • O despregue dos composteiros individuais comezará, tamén, neste trimestre, logo da sinatura dun convenio coa Deputación para o asesoramento e seguimento da compostaxe individual nas vivendas do rural.

Pontevedra vivirá neste trimestre importantes avances no servizo de limpeza e tratamento de residuos, segundo avanzou esta mañá a concelleira responsable do servizo, Carme da Silva. A elaboración do estudo para o novo contrato, o despregue de novos colectores de reciclaxes por todo o concello, novas dotacións de maquinaria de limpeza, implementar a compostaxe comunitaria no barrio da Parda, iniciar o reparto dos composteiros individuais, son algunhas das iniciativas que se porán en marcha dende a vindeira semana até finais de xaneiro.

Ao respecto do contrato do lixo -prorrogado por tres anos á concesionaria actual, Ferrovial-, a concelleira explicou que se está a elaborar o estudo para facer os pregos do novo contrato, dos regulamentos, das ordenanzas que sexan necesarias… Neste momentos, o que está máis avanzado son os pregos para o servizo de limpeza das dependencias municipais (todas agás os colexios, que irán dentro do prego global do servizo). Tamén se incorporarán ao prego de dependencias municipais os centros sociais municipais, na actualidade xestionados polos veciños, nos que se farán limpezas xerais cada certo tempo.

Illas de reciclaxe

Unha das melloras acadadas na prórroga do contrato é a renovación das illas de reciclaxe do concello. Na actualidade, no ámbito urbano, existen 263 illas e incrementaranse a 270. No rural existen 50 (algunhas completas, outras non) e pasarán a existir 175 completas, é dicir, que terán, cando menos, un colector verde, outro amarelo, azul e o de vidro. O obxectivo é que todos os veciños e veciñas teñan unha illa de reciclaxe a non máis de 250 metros.

Estas novas illas comezarán a instalarse na segunda quincena cos iglús de vidro, para continuar cos envases e o papel. O propósito é que a flota de colectores de reciclaxe do Concello estea colocada a finais do mes de decembro.

Estes contentores serán de carga lateral -ao igual que os colectores verdes actuais- na zona urbana, e frontal no rural debido as características do rural (espazos moi reducidos na maior parte das ocasións). Esta nova recollida obriga a incrementar a maquinaria da empresa cun novo camión. Ademais, tamén se suman aos medios técnicos do servizo: 2 varredoras e 3 lava-beirarrúas.

Xunto ás novidades previstas ao redor do contrato do lixo, tamén se continuarán cos avances na compostaxe.

Mestres composteiros e compostaxe comunitaria

O pasado luns remarton as oposicións para a contratación dun técnico e de tres auxiliares que se encargarán do novo sistema de tratamento dos residuos orgánicos. Estarán incorporados ao cadro de persoal municipal no prazo de dúas semanas, máis ou menos, en canto se remate toda a tramitación administrativa.

Unha vez que se cre o equipo poderase continuar co despregue dos composteiros comunitarios. Será polo barrio da Parda, onde xa están pactados os lugares de colocación logo das recomendacións dos servizos técnicos municipais.

Tamén está a estudo a ampliación do composteiro de Camiño de Ferro e de Ponte Boleira, especialmente deste último, xa que dende hai meses é preciso baleirar o composteiro para que o compost madure noutra situación.

Compostaxe individual

Paralelamente, o Concello está xestionando coa Deputación a sinatura dun convenio para facer o seguimento dos composteiros individuais que se despregarán polo rural neste trimestre. Será a cargo dunha ONG vinculada co mundo rural, e que suporá facer un seguimento de cada usuario. O Concello dispón de 8.000 composteiros individuais para entregar en cada casa do rural.

Inicialmente este proceso será voluntario, pero a concelleira Carme da Silva xa adiantou que noutros concellos nos que está a traballar a Deputación, está sendo moi ben acollido por todos os veciños e veciñas.

Á par, dende a Concellaría de xestión de residuos estase a traballar na campaña de divulgación e difusión da compostaxe comprometida coas Federacións de veciños. Nela colaborará a concesionaria de xestión dos RSU da cidade, Ferrovial.