Conxeladas as taxas e impostos municipais por quinto ano consecutivo

40

    • O portavoz anuncia que no caso de ter aplicado a suba do IPC do último ano (fixado nun 2,3%), o Concello ingresaría arredor dun millón de euros, que deixa nos petos dos pontevedreses.
    • Lembra que o proceso a seguir son as inspeccións e actualizacións dos padróns, na busca da equidade fiscal.
    • Pontevedra entre as capitais de provincia con menor carga impositiva do Estado, segundo o ranquin tributario que elabora o Concello de Madrid.

A Xunta de Goberno Local acordou esta mañá a conxelación de todas as taxas e impostos municipais por quinto ano consecutivo, como paso previo á elaboración dos Orzamentos municipais de 2018, nos que xa traballa o Goberno. Quedan conxeladas 20 ordenanzas de taxas, 5 ordenanzas de impostos, unha ordenanza xeral e outra de contribucións especiais.

Dende a Concellaría de Economía lémbrase que no caso de subir o IPC, fixado nun 2,3% de setembro do 2017 a setembro de 2018, o Concello ingresaría máis dun millón de euros. Fronte a esta vía, o Concello opta pola intensificación das inspeccións e actualizacións dos padróns buscando a equidade impositiva e permitindo, ao tempo, manter o aforro dos pontevedreses.

Raimundo González explicou que a presión fiscal de Pontevedra é das máis baixas de todas as capitais de provincia do Estado, tal e como o recolle o Ranquin tributario dos municipios españois que publica todos os anos o Concello de Madrid.

No último informe, que avalía 52 capitais de provincia, Pontevedra ocupa o posto 39 no gravame da Plusvalía; o 40 no ICIO; a partir do 44 nos diferentes escalas do Imposto de vehículos; no posto 34 do IAE, e no 42 do IBI.

De feito, o Concello leva cinco anos consecutivos (dende 2015 incluído) conxelando os seus gravames, pero conta cunha traxectoria de dez anos sen variar ou ben incrementando as taxas municipais por debaixo do IPC. Conxeláronse os impostos e taxas nos anos 2007, 2009, 2010, 2011, e no período do 2015 ao 2018. O resto de anos dende 2007, os incrementos foron por debaixo IPC e sobre unhas poucas taxas.

Raimundo González explicou que o Concello xa traballa na elaboración da norma económica do ano 2019, aínda que están pendentes de coñecer o incremento salarial fixado para os traballadores e as transferencias económicas do Estado. “Agardaremos uns 15 días, se non temos novas, tiraremos para adiante”, asegurou.