O alcalde pon ao día os proxectos da Xunta en Pontevedra con Feijóo

32

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores valorou positivamente a entrevista que mantivo esta mañá co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co que tratou diversos proxectos que están en marcha na cidade e outros en fase de estudo. Estivo acompañado do concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera. O alcalde considerou que “xa me gustaría que en anos anteriores puidésemos ter tido outras -reunións-”, en clara alusión á falta de investimentos da Xunta de Galicia en Pontevedra en anos anteriores.

Facendo un repaso dos proxectos en marcha, o alcalde explicou que a Xunta tramita un proxecto diferente ao proposto polo Concello para a Variante de Alba, máis preto da cidade, “pero nós non imos pór pegas para que se execute”, explicou e aclarou que a Xunta está á espera de recibir a autorización de Fomento. É unha vía que sae das proximidades da ronda da variante de Poio e chega até a recta da Ferreira. Será de dous carrís.

O alcalde propúxolle a sinatura dun convenio para a construción desta vía e a cesión ao Concello da PO-225 (estrada de San Caetano) para á que Xunta quere mellorar o tránsito peonil cunha senda.

Sobre a estación intermodal, explicou que o Concello asinará un convenio por unha contía superior á inicial, porque se vai facer unha actuación máis ampla da prevista: levantar o Gafos e facer unha única entrada á estación dende Josefina Arruti. A achega municipal será de 1,5 millóns de euros. No caso de que existan baixas no prezo de adxudicación, imputaríase á partida municipal.

Tamén é proposta municipal que non se faga a marquesiña que unirá as dúas estacións, ante o escaso movemento de persoas entre ambas estacións.

De Montecelo, explicou que “estamos ao que diga a Xunta”, que mantén o prazo de 2019 para o inicio das obras. O Concello manterá a súa achega de 4 millóns de euros para mellorar o abastecemento, a rede viaria perimetral…

Do transporte metropolitano, acordaron negociar por partes, aproveitando a reestruturación de liñas que será preciso facer a primeiros de ano. E negociar conxuntamente todo o transporte público da cidade.

Sobre a EDAR de Lourizán, o presidente Feijóo explicou que se vai adxudicar a mellora da depuradora e o emisario submarino, e considerou que era necesaria a súa ampliación, segundo o criterio técnico.

Tamén abordaron a posibilidade de crear unha residencia da terceira idade no concello. A Xunta negocia cos propietarios do antigo asilo a súa posible apertura, e tamén baralla a posibilidade de destinar o Hospital Provincial a este fin. A este respecto, o alcalde pediulle que fose unha dotación socio-sanitaria ao carecer Pontevedra dun hospital de crónicos.

Mantense o compromiso da Xunta de 1,5 millóns para construír os pavillóns deportivos da Parda, e outros compromisos en marcha como a reforma do edificio de Benito Corbal e dos Xulgados.

Tamén se abordou a dragaxe da ría, na que a Xunta afirmou que negocia co sector a reubicación dos verquidos.