A limpeza da cidade mellora coa incorporación de seis novas máquinas

81

    • Son 3 varredoras, 2 lava-beirarrúas e 1 remolque de auga quente a alta presión.
    • Comezarán a verse polas rúas e prazas da cidade.

O Concello de Pontevedra presentou esta mañá na praza da Peregrina a nova maquinaria que se incorporará ao servizo de limpeza da cidade: 3 varredoras, 2 lava-beirarrúas e 1 remolque de auga quente a alta presión. Esta incorporación forma parte da negociación que realizou a Concellaría de Servizos coa empresa concesionaria, Ferrovial, para prorrogar o contrato durante tres anos máis, tal e como apuntou esta mañá a concelleira de Servizos, Carme da Silva, durante a presentación destes novos equipos, xunto aos responsables da concesionaria.

As varredoras e lava-beirarrúas son vehículos multifuncionais coa máis avanzada tecnoloxía do mercado. Dispoñen de motores de baixa emisións con filtro de partículas que baixan un 55% a emisión dos gases nocivos, combinado con tecnoloxía de última xeración de varrido de baixo ruído (reduce en 10 decibelios o ruído) e sen levantar po.

Ademais, tamén se presentou un remolque de auga quente a alta presión, que dispón dunha cúpula de fregado e quita todo tipo de manchas, tanto nas paredes como na rúa, sen empregar produtos químicos.

A incorporación da nova maquinaria, que se comezará a ver polas rúas e prazas da cidade, está incluída dentro das melloras negociadas polo Concello coa prórroga de tres anos do contrato do lixo. Tamén está incluída dentro destas melloras, a nova contenerización de illas de reciclaxe de toda a cidade e do rural. A empresa xa está en pleno proceso de retirada dos colectores de vidro e a partir do día 5 de novembro comezará a retirada dos colectores de papel.