Concello-CCU Zona Monumental, novo chanzo no percorrido a prol do centro histórico

64
  • O alcalde Miguel Fernández Lores e Miguel Lago, presidente da asociación asinan unha colaboración anual máis, de 22.625 euros

A posta en valor e a dinamización do centro histórico é un obxectivo compartido dende hai anos polo Concello de Pontevedra e a Asociación CCU-Zona Monumental. Un percorrido que hoxe anota outro chanzo coa sinatura dun novo convenio anual de colaboración para a organización e desenvolvemento de actividades de promoción do comercio.

O alcalde Miguel Fernández Lores e Miguel Lago, presidente da CCU-Zona Monumental asinaron o convenio polo que o Concello fará unha achega de 22.625 euros á asociación de comerciantes, definida por Lores como “un motor esencial da zona monumental”. Os cartos desta achega teñen como destino o financiamento das seguintes actividades: carroza, campaña de Volta ao cole, alumeado de Nadal, PonteNadal e actividade xerencial.

“Sempre hai que seguir traballando na potenciación da zona monumental e o comercio local” sinalou o alcalde, un camiño que ten no inmediato un proxecto ilusionante: a reforma do 1º andar do mercado. “Queremos manter a esencia da praza -venta de produtos frescos -peixe, carne, froita e verduras e flores- pero queremos ir máis alá do que é un mercado tradicional” explicou Fernández Lores.

O obxectivo é facer do centro histórico un espazo “con atractivo comercial e para o ocio e con atractivo residencial”.

Convenio Concello-ZonaMonumental