Aprobada a licitación da cafetería da praza da Liberdade

228

    • O Concello propón un contrato de 15 anos coa posibilidade dunha prórroga de 3 máis. O canon será de 12.000 euros/ano
    • É preciso facer unha reforma previa valorada en algo máis de 100.000 euros.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá iniciar o proceso de licitación da explotación da cafetería da praza da Liberdade por un prazo de 15 anos e un canon de 12.000 euros/ano.

Nos pasados meses, o Concello realizou un estudo de viabilidade e un anteproxecto de reforma da instalación dado que presentaba diversas deficiencias. Aquel informe conclúe que o investimento necesario será de 100.664,03 euros, que terán que ser asumidos polos licitadores, coa liberdade de adoptar as solucións técnicas e estéticas que consideren axeitadas, sen cambiar a estrutura da cafetería. A instalación dispón de 139,5 metros cadrados construídos e ten a posibilidade de instalar terraza nas traseiras (57 metros cadrados) e tamén na parte dianteira (cara a praza da Liberdade, de 46,7 metros cadrados).

Os licitadores terán 15 días para presentar as súas ofertas. Unha vez adxudicada, o licitador terá un prazo de 4 meses para facer a obra.

O contrato estipula unha concesión por 15 anos, coa posibilidade de prórroga por outros 3 máis, e un canon anual de 12.000 euros.

Raimundo González, portavoz do Goberno, adiantou esta mañá que “agardamos que a cafetería poida estar en marcha na primavera”, e que o principal interese do Goberno é “que a cafetería sexa viable e que funcione”.

Telefonía

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou esta mañá a prórroga do contrato de telefonía do Concello, tanto da fixa como da móbil, e a conexión a internet. Trátase da última prórroga posible, polo que se instou ao servizo responsable a que inicie a redacción duns novos pregos para unha nova adxudicación. A prórroga da telefonía móbil foi á empresa Telefónica Móbiles por 32.016,60 euros e a telefonía fixa e internet a R, por 68.970 euros.