Promoción do comercio, apoio social e igualdade, eixos do gasto municipal para 2019

35
    • No capítulo de investimentos destaca a reforma de Loureiro Crespo e de Mollavao, e a construción do novo pavillón da Parda.
    • Tamén se consignan partidas para a ponte do Burgo, a reforma da estación de autobuses, o novo acceso a Monte Porreiro ou 1,7 millóns para accesibilidade no rural.

O Goberno Local entregou esta mañá o borrador de Orzamento 2019 aos grupos municipais para que sexa analizado e fagan as achegas que consideren oportunas. As contas municipais de 2019 ascenderán, a priori, a 76.340.000 euros. O portavoz do Goberno e concelleiro de Economía, Facenda e Contratación, Raimundo González, explicou esta mañá que este novo orzamento ten unha importante carga social en tres eidos: promoción económica, aposta polas políticas de igualdade e reforzo económico ao Servizo de Axuda no Fogar. Tamén se caracteriza por ser un orzamento fortemente investidor.

Ao respecto do eido social, e da promoción económica, máis en concreto, Raimundo González destacou o papel fundamental que ten nas contas do 19, cunha partida de 290.000 euros para a dinamización da praza de abastos, fomento do emprego, fomento do comercio…

A aposta do Goberno na política de igualdade, tradúcese no incremento de todas as partidas do servizo, así como a dotación dun funcionario máis e 150.000 euros para a redacción dun novo Plan de igualdade.

Finalmente, na área social, destaca o incremento da partida destinada ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en 250.000 euros, o que supón un incremento dun 17%.

Investimentos

Como vén sendo habitual nos últimos orzamentos municipais, o capítulo de investimentos tamén terá un especial protagonismo, dado que será un orzamento “fortemente investidor”, en palabras de Raimundo González.

Entre os proxectos que se inclúen están:

    • Reforma integral de Loureiro Crespo, entre a avenida de Lugo e a praza do Hospital, por máis de 1,9 millóns de euros.
    • O pavillón da Parda, co propósito de lanzar as obras na zona durante o exercicio 19.
    • Impulsar de maneira definitiva a licitación do proxecto de integración do barrio de Mollavao  na trama urbana, “dado que será un dos eixos deste orzamento”.

Estas partidas complementan outras como a da Ponte do Burgo (o seu financiamento estaba previsto en dúas anualidades, e inclúese a segunda); accesibilidade no rural cunha partida de 1,7 millóns de euros; o novo acceso a Monte Porreiro (no presente orzamento estaba incluída unha partida para as expropiacións que foron realizadas pola Deputación); ou o convenio coa Xunta de Galicia para a reforma do ámbito da estación de autobuses. Neste orzamento está recollida unha partida de 615.166,99 euros.

Logo de entregar esta mañá o borrador do Orzamento 19 aos grupos municipais, o concelleiro de Economía iniciará unha rolda de contactos cos portavoces de cada grupo e estudará as súas achegas, de tal xeito que no prazo de 15 días poida ter xa un documento definitivo que se poida debater no mes de decembro.