A americana que veu a Pontevedra para comprobar “como a xente é feliz”

38
  • Cathy Tuttle, antropóloga e activista de Seattle, instálase na cidade para estudar o modelo urbano

Cathy Tuttle percorre o mundo vendo como viven as persoas de distintos lugares, porque é antropóloga e vese que lle vai no sangue. Tamén se dedica ao deseño e planificación urbana. Ademais é unha destacada activista da súa cidade, Seattle, no noroeste dos Estados Unidos, con máis de medio millón de habitantes e sede de importantes compañías como Starbucks, Amazon, Microsoft ou Nintendo.

Na súa cidade fundou o Seattle Neighborhood Greenways, unha coordinadora de organizacións ambientalistas que loitan por mellorar o seu medio urbano facéndoo máis doado para a xente a través de iniciativas como a visión cero accidentes en seguridade viaria, o límite de 30 km/h ou a prioridade peonil, varios dos conceptos urbanos polos que Pontevedra é coñecida no mundo.

Navegando na procura de experiencias urbanas interesantes deu con esta cidade galega e decidiu instalarse aquí durante 6 días para recoller ideas e ver de aplicalas na súa cidade: “Estou encantada, vexo que é unha cidade máis feminina que masculina, porque aquí condúcese pouco e conducir é sobre todo unha actividade masculina”.

Pode verse á Tuttle na súa bici pola cidade ou a beira do río estes días. “Gústame sentarme en calquera sitio e observar como a xente camiña, utiliza o espazo, cantos nenos hai, como xogan, como falan e se relacionan entre si, cantos coches pasan, eses son os auténticos indicadores da saúde dunha cidade”, e conclúe satisfeita: “vexo que ata os cans parecen felices”.

Ao chegar a Pontevedra foi pedir un plano á Casa da Luz e expresou o seu propósito aos empregados que a atenden. Puxérona en contacto co enxeñeiro municipal, co xefe da Policía Local, co alcalde e coa concelleira de Promoción da Cidade, con quen ofreceu unha rolda de prensa en inglés na que Anabel Gulías presentou a súa estadía na cidade como “un feito sorprendente, entre os moitos que nos está ofrecendo a popularización do modelo urbano polo mundo”.

Tras pasar toda unha mañá co Intendente Principal da Policía, Daniel Macenlle, estudando in situ como funciona a mobilidade e o sistema de prioridade peonil, Cathy Tuttle preguntoulle se isto só ocorría no centro urbano. Díxolle que non e mostroulle o núcleo de centralidade de Salcedo, con medidas de mobilidade que agora se espallan polos hábitats rurais do municipio e os núcleos da provincia a través da Deputación.

Tamén tivo eloxios para o alcalde Lores, a quen cualificou de “visionario” e eloxiou que se mantivera tanto tempo dirixindo a política local. “Resulta excepcional levar case 20 anos construíndo unha cidade así. “Non hai nada igual no mundo”, di a experta que seguirá a súa viaxe por Valencia, Sevilla e Barcelona.