Incorpóranse catro técnicos de compostaxe ao Concello

83

    • Até o de agora tratáronse 323 toneladas de biorresiduos nos centros de compostaxe, que xeraron 50 toneladas de compost.

O Concello de Pontevedra dispón dende hoxe de catro novos traballadores especializados que se encargarán do proxecto da compostaxe. Carme da Silva, responsable do departamento de residuos, explicou que “hoxe é un día moi bo para o Concello, porque despois dun proceso moi longo, as novas incorporacións permitirán incrementar o ritmo de traballo da compostaxe tanto comunitaria como individua”. Son unha técnica e tres auxiliares.

Até o momento, o Concello leva tratadas 323 toneladas de biorresiduos, o que supuxo que se repartiron entre os veciños e os xardíns municipais máis de 50 toneladas de compost que se obtivo dos biorresiduos que os veciños achegaron.

A concelleira explicou que “cada persoa que usa este sistema de residuos consigue que se reduzan as emisións porque baixan os gastos en combustibles”, e asegurou que o Concello ten moita demanda para instalar nos barrios máis composteiros. De feito, o seguinte paso será a instalación de novos centros de compostaxe no barrio da Parda, e ampliar os que están en Ponte Boleira e Camiño de Ferro.

A vindeira semana, o Concello celebrará a Semana europea de prevención de residuos, no que se fará unha actividade dirixida aos nenos e ás nenas sobre a importancia da prevención de residuos e o tratamento de biorresiduos por compostaxe.

Pola súa banda, a técnica de residuos, Marina Lobelle que dixo falar en nome de todo o equipo que se incorporou hoxe, indicou que “atopar unha administración tan valente e concienciada ambientalmente, e tan previsora, porque isto dos residuos vén marcado pola lexislación europea, é un pracer. Este é un reto precioso”.