A transformación da praza de Barcelos interesa en Vitoria-Gasteiz

94
  • A dimensión feminista da reforma urbana tamén entrou no debate
  • Pontevedra presente na xornada “Avanzando nas políticas locais de infancia e adolescencia cara a equidade”

A experiencia de transformación da praza de Barcelos nun espazo para a infancia, promovido pola propia infancia, foi o motivo principal da presenza de Pontevedra na xornada “Avanzando nas políticas locais de infancia e adolescencia cara a equidade”, que tiveron lugar hoxe en Vitoria Gasteiz e ás que acudiron a tenente de alcalde, Carme da Silva e o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña. Foi unha mesa redonda dedicada í­integramente a Pontevedra baixo o título “Cidade da infancia: Pontevedra, urbanismo, mobilidade e vida”, moderada por Roberto González, do Centro de Estudos Ambientais da capital vasca.

O concelleiro Alberto Oubiña referiuse ao proceso de Barcelos como un dos principais exemplos de participación popular de toda a reforma urbana pontevedresa: “todo partiu da comunidade escolar, desde os primeiros planos, os primeiros debuxos, as primeiras asembleas para poder resolver un asunto que preocupaba ás crianzas: carecían de patio para os xogos”.

A partires desa premisa foi debullando todo o proceso no que tamén participaron comerciantes e veciños, ata lograr o resultado final, que foi liberar de automóbiles máis dun terzo da praza, instalar canchas para xogos e dispoñer de espazo para o recreo dos escolares. Como resultado da transformación, o concello aproveitou para eliminar o aparcamento indiscriminado, deixando a praza para estacionamento de servizos e reducindo considerablemente a intensidade do tráfico a motor.

Carme da Silva concelleira de Protección Cidadá e Dinamización cultural falou do novo modelo urbano como espazo feminista e alternativo, ao que contribúe o resultado dunha reforma urbana que fixo da seguridade unha das súas principais apostas. Potenciar os desprazamentos a pé mitigar a dimensión exhibicionista do coche ou construír espazos accesibles e cunha boa iluminación pública son algunhas das claves da perspectiva de xénero aplicada ao novo modelo urbano, pensado para ofrecer ás persoas as máximas doses de comodidade e benestar.