Boa acollida da reforma de Loureiro Crespo entre os comerciantes da zona

23

O concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez mantivo onte unha reunión coa diretiva de comerciantes da rúa Loureiro Crespo para presentarlles a reforma proposta polo Concello na zona.

No encontro os comerciantes amosáronse satisfeitos coa proposta municipal, e trasladaron a petición de que se contemple estacionamento de servizos para dinamizar economicamente a rúa e a súa contorna. Tamén pediron que o desenvolvemento das obras se compaxine coa actividade comercial da rúa.

Este proxecto que asumirá o Concello no vindeiro ano 2019 e que xa está incluído nos borradores do Orzamento 2019, supón a reforma integral da rúa Loureiro Crespo, dende a rotonda da avenida de Lugo até o entronque coa actual praza do Hospital. Unha actuación de 625 metros lineais que terá un custe de 1.937.257,55 euros. O proxecto, segue as premisas do modelo Pontevedra: preferencia peonil, calidade urbana, seguranza viaria, convivencia no espazo público e cidade multifuncional.

O proxecto de reforma divide a rúa en tres zonas:

    • Dende a rotonda da praza da Zanfona até Casimiro Gómez, onde se propón un alongamento das beirarrúas (de baldosa e granito) e un estreitamento do carril. O estacionamento, tamén en formigón, colocarase á dereita, e os alcorques serán de granito para plantar prunos, dando continuidade á avenida de Lugo, xa reformada.

Renóvase a iluminación, o mobiliario e todos os servizos. Como novidade, en todas as rúas transversais á Loureiro Crespo, darase continuidade á beirarrúa (non se levantará o asfalto) dando unha resposta real á preferencia peonil.

Á altura da rotonda de Doce de novembro instalarase unha columna de iluminación e plantaranse dous liquidámbar de grande porte para iniciar a transición cara un novo espazo, que será o segundo ámbito do proxecto.

    • De Casimiro Gómez a Antón Fraguas. Neste ámbito farase un carril de asfalto diferenciado que se dirixe cara Antón Fraguas. A beirarrúa da esquerda será de baldosa e bordo de granito. E a beirarrúa da dereita, lousa “vulcano”, a mesma que a da praza do Hospital. Instalarase á esquerda o estacionamento de taxis, e á dereita o de servizos. Tamén se inclúe a renovación de toda a iluminación, do mobiliario e dos servizos, e a vexetación continúa cos prunos que se plantarán en toda a rúa.

Nos extremos deste ámbitos, Casimiro Gómez e Antón Fraguas crearanse dous grandes matos de arborado en pezas de formigón (con 3 e 2 bétulas, respectivamente) para marcar a transición á terceira parte do proxecto.

    • De Antón Fraguas á praza do Hospital. Consistirá no alongamento da praza do Hospital, coa instalación de dúas bandas laterais de lousa “vulcano” e unha parte central de formigón negro en plataforma única, xa que é necesario respectar a entrada ao Hospital provincial. Plantarase arborado ao igual que no resto da praza do hospital (Quercus) e tamén se instalará máis mobiliario urbano.