Lores anima dende París, a salvar a vida das cidades

25
  • O alcalde de Pontevedra participa hoxe no Foro Smart City du Gran Paris 2018

O mesmo salón no que se reuniran os alcaldes hai tres anos no Cumio do Clima servíu
hoxe de marco para a intervención do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández
Lores, no foro sobre cidades intelixentes que se celebrou no Concello de París,
organizado pola revista La Tribune.

Foi na sesión principal do foro, quince minutos exclusivos para Pontevedra ante unhas
200 persoas, entre mesas redondas dedicadas ao papel das cidades no cambio climático
ou a como financiar o cambio climático. Fernández Lores falou da experiencia
pontevedresa baixo o título “A urxencia de ter cidades descarbonizadas”, tal como foi
presentada a intervención do alcalde pola organización.

Após de describir o importante nivel de visibilidade que acadou unha experiencia que
moitos consideran inspiradora para moitas cidades, o alcalde pontevedrés describíu a
“enfermidade” urbana do noso tempo co exemplo do sistema sanguíneo afectado polo
colesterol. As venas obstruídas que provocan enfermidades cardíacas teñen o seu
paralelismo no “corpo urbano”, mudando as arterias por rúas cheas de coches que as
saturan.

Lores dixo que no mundo hai un sentimento xeralizado de que as cidades están
enfermas; que existe unha busca desesperada de solucións, e que existe unha demanda
mundial de cidades vivibles. Unha vez feito o diagnóstico é preciso reducir os excesos ás
cantidades axeitadas, tanto de glucosa e colesterol no corpo como de coches na cidade.
A solución de Pontevedra foi considerar o espazo público un dereito como a educación ou
a sanidade, e construír unha cidade para as persoas, devolvéndolla aos cidadáns
econsiderando a cidade no seu conxunto, non unha zona central ou turística.
Conseguiuse que os nenos e nenas xoguen nas rúas con autonomía, que as persoas con
dificultades podan moverse comodamente, reducir a contaminación aérea e acústica, e
que a xente volva a vivir á cidade.

O alcalde rematou animando a todas as cidades a recuperar o seu espazo público
independentemente do seu tamaño, deixando no aire a sospeita de que se non se dan
máis pasos á fronte poda deberse ao pánico dos líderes urbanos: “A enfermidade das
cidades é grave, e as terapias non sempre son agradables aínda que os resultados sexan
moi beneficiosos. Tampouco é agradábel unha operación, pero sálvanos a vida”.