O programa de compostaxe municipal achégase ao barrio da Parda

59

    • Mañá comeza a construción de novas bases na Parda (Pintor Laxeiro e rúa dos Soutos), en Ponte Bolera e en Camiño de Ferro.
    • A Concellaría de residuos estima que os novos centros de compostaxe poderán estar instalados a final de ano ou primeiros de xaneiro.

O Concello de Pontevedra inicia mañá mesmo a construción de catro novos centros de compostaxe nos barrios da cidade. Dous estarán no barrio da Parda e outros dous na zona de Ponte Boleira e Camiño de Ferro. Segundo informou esta mañá a concelleira responsable do tratamento de residuos na cidade, Carme da Silva, atenderán a un mínimo de 1.200 persoas, chegando a tratar arredor de 184 toneladas ao ano.

Unha vez que se incorporaron os novos técnicos de residuos (un técnico superior e tres auxiliares) ao cadro de persoal municipal, o Concello está en disposición de iniciar a implantación de máis centros de compostaxe para ampliar o servizo e descargar a superprodución dalgúns dos instalados. De feito, os instalados no barrio de Eduardo Pondal están a recibir achegas de veciños da Parda (como así llo trasladan os usuarios aos mestres composteiros) e, nalgún caso como no de Ponte Boleira, o compós ten que ser retirado do centro antes de que remate o proceso de maduración, e ser madurado noutros puntos.

Os traballos comezan mañá mesmo coa creación das bases dos novos catro composteiros (de 10 módulos cada un) que poderán estar operativos a finais de ano ou primeiros de xaneiro. A estimación é que atendan a 1.200 persoas, se ben está constatado que as achegas aos composteiros son moito maiores. Con estes novos centros, o Concello terá 13 composteiros comunitarios.

Carme da Silva explicou que o programa de compostaxe está resultado todo un éxito grazas a excelente colaboración veciñal. A día de hoxe, non se rexistrou ningunha achega impropia nos centros de compostaxe, o que quere dicir “que os veciños o están a facer con responsabilidade e cunha calidade excepcional”. Todo o compost que se ten producido repártese entre os veciños que se anotaron ao plan de compostaxe e emprégase no abono dos xardíns municipais.

Carme da Silva recomendou aos pontevedreses que participen do programa pero que non estean anotados, a que o transmitan aos mestres composteiros, dado que cando se fai o reparto de compostaxe chámase ás persoas que se anotaron no programa.

Illas de reciclaxe

Paralelamente, a Concellaría de tratamento de residuos continúa co despregue das illas de reciclaxe na cidade. Neste momento a empresa concesionaria está a colocar simultaneamente os novos colectores de vidro (iglús verdes) e contentores de envases (colectores verdes con tapa amarela) en toda a cidade. Mentres non rematen a instalación destes contedores, non iniciarán o despregue dos de papel (verdes con tapa azul), que cambiarán moito a imaxe das illas de reciclaxe na cidade, xa que na actualidade son os que se atopan en peor estado de conservación.

Cabe lembrar que na zona urbana as illas de reciclaxe pasarán de 263 a 270; e no rural multiplicaranse, pasando de 50 a 175.

A empresa tratará de colocar de madrugada estes colectores porque resultará máis fácil o despregue, pero nalgúns casos tamén o fará de día, polo que a concelleira Carme da Silva pide a colaboración e comprensión dos pontevedreses polos inconvenientes que poidan ocasionar estes labores.