Anne Hidalgo califica a Pontevedra de “visionaria”

24
  • A alcaldesa de París mantivo un encontro con Lores no Forum Smart City da capital francesa

A alcaldesa de París, Anne Hidalgo, calificou de “visionario” o modelo que leva 20 anos transformando Pontevedra nunha cidade adaptada ás esixencias do cambio climático e á vida urbana de calidade. Un modelo que hoxe perseguen moitas cidades embarcadas nos obxectivos de reducir as emisións de gases contaminantes. Precisamente o foro estivo presidido pola frase “Obxectivo cero carbono”.

Foi nun encontro mantido co alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, na clausura do Forum Smart City París, onde onte participou o rexedor pontevedrés falando das terapias que precisan “as cidades enfermas”.

Hidalgo dixo estar valorando a posibilidade de visitar Pontevedra para comprobar in-situ a transformación da cidade, que suscitou tanto interese no seu equipo dado que cinco concelleiros mantiveron estes días xuntanzas técnicas co alcalde, porque querían coñecer máis de preto as receitas aplicadas na cidade do Lérez.

Na alocución de clausura do Fórum, Hidalgo dixo que en 2024 a cidade sería unha auténtica capital verde, e que aplicarían a valentía política que necesitan para levar a cabo o propósito de reducir o tráfico non só na capital senón en toda a área metropolitana, cunha poboación de 12,4 millóns de habitantes.

Hidalgo agradeceu a Lores a súa participación no fórum, que calificou de interesante e necesaria, con ideas que comparten para aplicar na capital francesa. Como curiosidade, o condutor do acto de clausura preguntoulle se para o 2024 chegaría a bañarse no Sena despois da limpeza integral que están a perseguer.