O Concello traballa en ultimar o dipositivo de mobilidade e seguridade do mundial de Triatlón

36

    • O luns día 10 haberá unha reunión técnica para abordar estes asuntos.
    • O día 18 está convocada unha Xunta Local de Seguridade.

O Concello de Pontevedra está a ultimar todo o dispositivo de seguridade e mobilidade do ITU Multisport Pontevedra 2019, que se desenvolverá na cidade entre o 27 de abril e o 4 de maio. A concelleira responsable de seguridade, Carme da Silva, explicou que se traballa con tempo nunha das áreas máis importantes de todo o evento deportivo para que se desenvolva con garantías. De feito, están previstas dúas reunións ao máis alto nivel técnico: unha Xunta Local de Seguridade o 18 de decembro, e unha reunión técnica o 10 de decembro.

A primeira reunión será o vindeiro luns, 10 de decembro, ás 10.00 horas na Xefatura da Policía Local. A esta reunión de seguridade están convocados a Policía Local, a Garda Civil de Tráfico, servizos técnicos municipais (comunicacións…), o director de carreira, o servizo de Deportes…

Tamén está convocada para o 18 de decembro unha Xunta Local de Seguridade na que participarán todas as administracións que participan no evento con responsabilidades de seguridade.

Os percorridos das 5 probas que se desenvolverán na cidade e nos seus arredores están practicamente pechados, e están sendo estudados polos servizos de seguridade, xa que é preciso que teñan o visto bo da parte deportiva e tamén da de seguridade.

Carme da Silva explicou que o campionato de longa distancia realizado no mes de agosto serviu para coñecer os puntos fortes e os febles da organización, dende o punto de vista da seguridade; e para recoller as suxestións de veciños e afectados pola proba. Moitas destas propostas xa están eliminadas dado que se modificaron moitos percorridos.

Unha vez rematadas as reunións de coordinación, por parte da Policía Local comezarase a informar aos veciños e ás empresas que se poidan ver afectadas puntualmente por algún dos percorridos.