Pontevedra súmase á rede de concellos pola accesibilidade cognitiva

52
  •  O alcalde Miguel Fernández Lores asinou hoxe o compromiso da cidade coa iniciativa que promove a Asociación Xoán XXIII
  • A accesibilidade universal é un dos piares do modelo urbano, avanzado o camiño na eliminación de barreiras físicas, rachar as sensoriais e cognitivas é o seguinte reto

Pontevedra intégrase na rede de concellos pola accesibilidade cognitiva -Concellos para todos/as-, unha iniciativa que promove a Asociación Xoán XXIII co fin facilitar a comprensión do mundo ás persoas con discapacidade intelectual ou con dificultades de procesamento da información e tamén a outros colectivos con problemas de comprensión como maiores, persoas que non saben ler ou migrantes que non coñecen o idioma.

O alcalde Miguel Fernández Lores asinou hoxe o compromiso da cidade co proxecto na sede da Asociación Xoán XXIII, un compromiso que tamén asinaron os alcaldes de outros oito concellos: Barro, Marín, O Gove, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Moaña, Bueu e Sanxenxo. Outros tres comunicaron a súa vontade de facelo, os de Poio, Cangas e Vilaboa.

O modelo urbano ten na accesibilidade universal un dos seus piares fundamentais, unha aposta – a cidade pensada para as persoas- que fai de Pontevedra un referente no mundo. Tense moi camiño avanzado na eliminación das barreiras arquitectónicas e físicas, no coidado das persoas, na creación dunha contorna igualitaria e inclusiva, lembra o alcalde Lores quen entende que romper as barreiras sensoriais e cognitivas é un paso máis cara a acadar a excelencia.

Por mor da entrada na rede de “Concellos para todos” os participantes comprométense a traballar con dúas ferramentas: a identificación e sinalización de espazos cunha sinalética específica e a lectura fácil. Nun ano avaliarase o traballo feito.