Chega o Nadal con música, obradoiros, pista de deslizamento e tirolina

624
  •  Haberá obradoiros e actividades infantís por todas as rúas e prazas do concello, especialmente na rúa Oliva e nas galerías.
  •  Unha novidade deste ano é o Cinema Clandestino.

Ademais da iluminación de Nadal, que está a facer as delicias de moitos e moitas veciñas, o Concello de Pontevedra programou este ano un amplo abano de actividades para cativos e maiores durante as festas de Nadal. É unha programación chea de propostas diversificadas, e apoio ao comercio local, achegando iniciativas aos barrios do concello.

A coordinación das concellarías de Festas, Cultura, Parques e Promoción da cidade permitiu elaborar esta programación que inclúe:

  • Xogamos na rúa… con obradoiros e actuacións en distintas prazas e rúas da cidade. Inclúe unha tirolina na Alameda e unha pista de deslizamento na praza do Concello; e actuacións e obradoiros infantís en Loureiro Crespo, praza de Ourense, praza de San Xosé ou Ferraría. Tamén haberá cada día obradoiros infantís na rúa Oliva e nas galerías da Oliva.

    Para participar só haberá que presentar un ticket de compra no comercio local

  • Tamén están programados dous mercadiños: o tradicional de PonteNadal na Praza do Teucro que este ano terá unha decoración especial e tamén incluirá obradoiros infantís; e Sétima Oliva que estará aberto nas galerías da Oliva até o remate das festas.
  • As actuacións musicais son variadas, dende panxoliñas nas tabernas, a danza de Reis de Trepia ou os Cantares de Reis dos Chichisos
  • Unha novidade deste Nadal será o programa: Cinema Clandestino que propón a proxección de filmes emblemáticos en distintos espazos escollidos do concello; e recreacións de escenas de películas
  • Toda a programación terá como broche a Cabalgata de Reis, do 5 de xaneiro.
 Por parte da Concellaría de Parques, que está a decorar distintas xardineiras da cidade con flor de Pascua, tamén está programada unha “sorpresa romántica” que se instalará nos xardíns de San Francisco.