Asemblea de veciños para coñecer o novo saneamento de Santa María de Xeve

18
    • É esta tarde ás 20.00 horas na Casa da Cultura da parroquia.
    • Cun investimento de 2,6 millóns, o Concello rematará todo o saneamento da parroquia. A maior parte estará no lugar de Fontáns.
    • Conectaranse 169 vivendas.

O Concello de Pontevedra celebra esta tarde unha nova asemblea para informar de novos proxectos de saneamento no rural que se farán a cargo das melloras ofertadas pola empresa Viaqua, concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento municipal, no novo contrato de xestión.

Hoxe pola tarde será na parroquia de San María de Xeve. Os veciños están convocados ás 20.00 horas no Centro Cultural para coñecer os proxectos cos que se rematará todo o saneamento da parroquia. Á reunión asistirán os concelleiros Raimundo González e Pilar Comesaña, responsables do Ciclo da Auga e delegada da parroquia, así como técnicos da empresa concesionaria.

O orzamento total ascende a 2.676.431,7 2 euros para darlle servizo a 169 vivendas, é dicir, o custe por vivenda supera os 17.000 euros. O investimento será, esencialmente, no lugar de Fontáns, aínda que tamén se realizarán pequenos tramos noutros puntos.

Ademais, a empresa concesionaria, encargada de redactar os proxectos, executalos e financialos, tamén está a ultimar o proxecto para dar servizo ao novo campo de fútbol de Santa María de Xeve, que o Concello está a executar.

Os concelleiros celebraron onte outra asemblea na Casa da Cultura de Campañó para presentar os novos proxectos nunha parte da parroquia -Campañó Sur- que darán servizo a 160 vivendas cun orzamento de 2,3 millóns. E a finais de novembro celebrouse a primeira das asembleas veciñais na parroquia de Verducido, que carece totalmente de saneamento, para conectar á rede xeral de saneamento a máis de 100 veciños cun orzamento de 4,7 millóns.