Marta Fonseca: ” As mulleres queremos estar e usar as rúas e a noite como parte da nosa vida”

38
  • Arquitecta e membro de Punt 6 participa hoxe, ás 20 horas, no Museo na palestra “Transformacións urbanas con perspectiva de xénero” do foro Urbtopías
  • Fonseca dialogará sobre o espazo público e feminismo con Blanca Valdivia (socióloga urbana), Oihane Ruiz (arquitecta) e Carme da Silva (tenente de alcalde de Pontevedra)

“Queremos (as mulleres) estar e usar as rúas e a noite como parte da nosa vida”, unha reivindicación simple e revolucionaria cando falamos de deseño urbano e a que pon voz Marta Fonseca, arquitecta e membro do Col-lectiu Punt 6. A ninguén se lle escapa que “unha muller cando pensa nos seus percorridos cotiáns pensa no itinerario non máis rápido senon no que percibe como máis seguro” engade Blanca Valdivia, socióloga e membro tamén de Punt 6.

Punt 6 e unha cooperativa de arquitectas, sociólogas e urbanistas feministas cuxo nome alude ao punto 6 da Lei de barrios de 2004 que, por vez primeira, alude á perspectiva de xénero no deseño da cidade ao falar de equidade de xénero en equipamentos e no espazo público.

Fonseca e Valdivia están en Pontevedra para participar xunto coa arquitecta e especialista en Urbanismo e Teoría feminista Oihane Ruiz e a tenente de alcalde Carme da Silva na palestra “Transformación urbanas con perspectiva de xénero” do foro Urbtopías, que terá lugar hoxe ás 20.00 horas no Sexto Edificio do Museo. Un diálogo sobre o espazo público desde unha perspectiva feminista co fin de axudar a construír cidades máis amables e seguras para as mulleres. O acto estará moderado pola xornalista Susana Pedreira.

Esta mañá foron recibidas polo alcalde Miguel Fernández Lores co que compartiron unhas primeiras impresións sobre Pontevedra, unha cidade que enfrontou a súa transformación urbana poñendo o foco na recuperación do espazo público para as persoas, accesible, igualitaria, inclusiva e democrática. No encontro estaban tamén a tenente de alcalde Carme da Silva e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías.

Blanca Valdivia subliñou a importancia de falar de deseño urbanístico dende unha perspectiva feminista xa que as cidades “fomentan o mundo produtivo, o uso do vehículos, e deixa na marxe outras actividades persoais, comunitarias, de coidado…” . Actuacións como a colocación de varandas en costas, de bancos creando zonas de estancias, intervencións para garantir a accesibilidade son chanzos cara a “mellora do día a día das mulleres e de todas as persoas”.

Nesta liña, a experiencia de Pontevedra é un modelo ao apostar pola accesibilidade, pola recuperación do espazo público como punto de encontro o que promove a mobilidade e a saúde, a sociabilidade, a defensa do comercio de proximidade… sinala Valdivia.

O debate sobre a perspectiva feminista no deseño urbano é un debate aberto, indicou Anabel Gulías, un debate que o Goberno local puxo enriba da mesa cando a Boa Vila comezou a dar os primeiros pasos no proceso de transformación que derivou no actual modelo Pontevedra. “Hoxe podemos dicir que estamos facendo de Pontevedra unha cidade feminista”.

Pola súa banda, a tenente de alcalde Carme da Silva lembrou que cando o Goberno de Lores puxo en marcha a transformación urbana a realidade (na que nos atopábamos era unha cidade deseñada e pensada por homes, “unha cidade que expulsaba ao 80% da poboación: ás mulleres e tamén aos nenos e nenas, maiores…” mais agora “podemos estar orgullosas, as mulleres de Pontevedra, por construír unha cidade máis igualitaria”