Adiadas as obras de mellora da contorna do CEIP Vilaverde-Mourente até o remate do curso

119
  • O mal estado da tubaxe da auga que descorre preto do centro obriga á realización de traballos máis complexos que impedirían a chegada do autobús escolar
  • Unha inspección con cámara detectou fendas, filtracións de auga, acumulación de area… na tubaxe que hai que arranxar
  • A comunidade educativa aproba a decisión xa que a obra suporía un risco para a seguranza dos nenos e nenas

 O Concello adía a execución das obras de mellora da accesibilidade e seguranza viaria na contorna do CEIP Vilaverde-Mourente até o remate do curso escolar. Unha decisión baseada na necesidade de enfrontar uns traballos máis complexos do agardado no subsolo e garantir a seguranza dos nenos e nenas. A medida conta coa aprobación da dirección e a ANPA do colexio.

Alberto Oubiña, concelleiro delegado da parroquia de Mourente, deu conta hoxe nunha comparecencia pública da paralización das obras, após da inspección – cunha cámara- do interior da canalización da auga que descorre preto do centro educativo e que amosou o mal estado de conservación da infraestrutura. Os servizos técnicos municipais tiñan detectado certa anomalía no trazado polo que promoveron a inspección que resultou determinante.

A tubaxe de canalización da auga -que é de microcemento-  presenta aplastamentos en distintos tramos, hai fendas, filtracións de auga, acumulación de area e nalgún punto por localizar unha vertedura irregular de augas fecais, segundo informou o concelleiro Alberto Oubiña.

Fronte a esta realidade hai que abrir unha zanza de 2,5 metros de profundidade, levantar a tubaxe e repoñela. A execución desta obra impediría o acceso do autobús escolar ao CEIP Vilaverde e suporía un risco para os rapaces, familias e profesores que cada día entran e saen do centro.

A paralización da obra é temporal: “quero comunicarlle aos pais e nais e a veciñanza que a obra se vai a facer, está contratada e seguirá adiante” subliña o concelleiro delegado de Mourente.

O Concello adxudicara no seu día a obra de mellora da accesibilidade e seguranza viaria na contorna do CEIP Vilaverde á empresa Elsamex, que mantén as condicións do contrato asinado. O proxecto ten un orzamento de 158.670 euros e un prazo de execución de catro meses. Consiste basicamente na construción dunha plataforma única, colocación de sinalización horizontal e vertical, aproveitamento de sobreanchos da rúa que será asfaltada e a instalación de pasos sobreelevados (lombos), ademais a actuación completarase coa creación dun espazo específico para uso do transporte escolar.

A mellora da contorna do CEIP Vilaverde é unha actuación incluída nun convenio de colaboración Concello-Deputación asinado en decembro de 2017. O incremento do custe da obra estará a cargo do contrato de mantemento do rural.