O novo parque infantil de Campolongo, operativo a finais de xaneiro

128
  • O alcalde Miguel Fernández Lores achegouse a zona para ver a evolución da obra do que será o terceiro gran equipamento infantil da cidade, con Barcelos e As Palmeiras

As obras do novo parque infantil de Campolongo están na última fase coa previsión de que poida estar operativo en 3 ou 4 semanas, nos últimos días de xaneiro. O alcalde Miguel Fernández Lores, acompañado polos concelleiros de Parques, Alberto Oubiña e de Obras, Demetrio Gómez, achegouse a Campolongo para ver a evolución dos traballos.

“Estamos fronte o que vai a ser o terceiro gran parque da cidade, xunto a Barcelos e As Palmeiras, de case 1.000 metros cadrados e que terá dos espazos perfectamente diferenciados para nenos e nenas maiores e para máis pequenos” sinalou o alcalde. O futuro parque contará con bambáns e aparellos variados para as distintas idades e tamén elementos de xogo adaptados a persoas con discapacidade. Ademais das dúas áreas de xogo, o parque terá tamén una área de estar e lecer para a comodidade dos coidadores dos pequenos e gozo da veciñanza en xeral.

“Estamos incorporando calidade urbana no barrio que non só é Campolongo -unha das áreas máis poboadas da cidade- senón tamén a zona da avenida María Victoria Moreno, a avenida de Vigo, etc.. zonas de crecemento da cidade que precisa espazos para nenos” valorou Miguel Fernández Lores.

O Concello adxudicou a obra deste equipamento infantil á empresa HPC Ibérica  por 272.515,66 euros

O novo parque infantil sitúase entre o paseo cuberto do Gafos, a EEI Crespo Rivas e as piscinas municipais e contará con tres áreas diferenciadas:

  • unha para nenos menores de 6 anos, equipada con bambáns básicos de berce e inclusivos, un xogo combinado inclusivo con casiñas, tobogán ancho, mesas de texturas…; un carrusel deseñado para poder entrar cunha cadeira de rodas, un trampolín; un xogo de muelle con dous postos (vis a vis); dous teléfonos que permiten aos nenos situarse a unha distancia de até 25 metros; e un sendeiro de texturas
  • unha segunda zona, pensada máis para a espera dos acompañantes dos nenos/as, tamén haberá unha mesa de tenis de mesa, e outras dúas con xogos fixos de parchís e xadrez. Nesta zona tamén haberá bancos e dúas fontes, unha pequena para as crianzas e persoas con discapacidade.
  • a última zona, é a pensada para nenos e nenas maiores de 6 anos, onde haberá unha torreta de seis metros e medio de altura con distintos tobogáns, cestas, zonas de trepa; unha tirolina; bambáns planos, de cesta e inclusivos, e un xogo de trepa.