O ano novo chega con Domingos do Principal

189
  • As entradas están a venda en ataquilla.com, no 902.504500, en www.pazodacultura.org e na Casa da Luz, agasalla cultura
  • O festival de teatro familiar subirá ao escenario do Teatro Principal os espectáculos de sete compañías nos que hai danza, teatro de máscaras, de actor e de sombras, circo..
  • As citas cunha coidada escolma do mellor do teatro infantil de Galiza e de fóra serán entre o 20 de xaneiro e o 10 de marzo

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentou esta mañá, acompañada por Xacobe Rodríguez de Teatro Akatro, a edición número 20 dos Domingos do Principal, unha proposta clásica para a programación 2019 do Concello de Pontevedra e unha escusa perfecta para agasallar cultura: as entradas e os abonos están xa a venda. “Non creo que haxa moitos ciclos de teatro infantil cunha longa vida como este” sinalou a concelleira quen lembrou que nestas case dúas décadas foron máis de 300 as representacións ofrecidas, o mellor da escena infantil galega e non galega.

É un ciclo que adoita esgotar as súas entradas e que abre as portas do Teatro Principal durante sete domingos en horario de mañá e tarde (12.00 e 18.30 horas) co fin de facilitar a asistencia dos nenos e nenas, dun público familiar que aprende a valorar e amar o teatro dun xeito lúdico, unha paixón que se estende no tempo.

“Os primeiros espectadores de Domingos do Principal son agora espectadores de Ponteatro” apunta a concelleira Carme Fouces que comparte con moitas das compañías que se achegan á cidade a valoración de que “o público de Pontevedra é un público esixente e ben formado”, algo lóxico ao estar afeitos dende nenos e nenas a ver e gozar con bos espectáculos escénicos.

Pola súa banda Xacobe Rodríguez, coordinador de Domingos do Principal, pon a énfase en tres características do ciclo de teatro familiar:

– toca todos os ámbitos das artes escénicas: danza, teatro de máscaras, teatro de actor, teatro de sombras, circo…
– hai espectáculos de risas, de pensar e tamén algún un pouco triste
– é para todas as idades, para os nenos e nenas pero tamén para adultos.

O Festival de teatro para a toda familia – Domingos do Principal 2019- subirá a escena os espectáculos de sete compañías entre o 20 de xaneiro e o 10 de marzo. Serán 17 funcións -dous por espectáculo- máis tres funcións concertas, de luns, para escolares.

Rojo Standard de La Nördika (Granada). Domingo 20 de xaneiro
Pavillón Lino de Caramuxo Teatro (Galiza). Domingo 27 de xaneiro
El viaje de Ulises de Teatro Gorakada (Euskadi). Domingo 3 de febreiro
El tesoro de Barracuda de A la sombrita (Sevilla). Domingo 10 de febreiro • Aguratrat de Pérez&Fernández (Galiza)
Emportats de La Trócola circo (Alacant)
Euria (Chuvia) de Markeliñe (Euskadi

As tres funcións escolares serán o luns 28 de xaneiro, Pavillón Lino; luns 11 de febreiro, El tesoro de Barracuda e luns 18 de febreiro, Aguratrat

As entradas de Domingos do Principal xa están a venda en www.ataquilla.com no teléfono 902.504500, tamén en www.pazodacultura.org e na Casa da Luz.

O prezo de entrada única por persoa e función e de 4€ e o abono -de mañán ou de tarde- para as 7 funcións é de 21 € máis gastos de tramitación (o abono se merca só na billeteira telefónica ou por internet).

Políptico_domingos_2019_web