Recta final para que o Multiusos da Xunqueira volva a ser o gran centro loxístico urbano do deporte

95
  • A capacidade dos 19 vestiarios do pavillón medra até poder albergar a case 400 deportistas ao tempo
  • As empresas apuran os traballos co fin de que a instalación estea en uso nun mes
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

O Multiusos da Xunqueira ganará capacidade como gran plataforma loxística para o deporte pontevedrés cando se reinaugure, case seguro antes de que remate o vindeiro mes de xaneiro. As empresas están esforzándose para minorar os prazos previstos, tal como lle transmitiron os seus responsables ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que visitou hoxe o edificio acompañado do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez Xunqueira.

A Unión Temporal de Empresas (UTE) Prace-Constructora San Emeterio está ao fronte da reforma do Pavillón Municipal Multiusos da Xunqueira. Foille adxudicado o proxecto por 1.947.164 euros. Trátase do primeiro proxecto construtivo aprobado e adxudicado dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) de Pontevedra. Após del chegaron as adxudicacións da reforma do primeiro andar do Mercado de Abastos, a reurbanización da rúa Gorgullón -os dous en execución- e mais a adxudicación da remodelación e iluminación da ponte do Burgo.

O interior da instalación foi desfeito case na súa totalidade para dar paso a un polideportivo máis operativo e funcional. Consta de dúas canchas, novas gradas móbiles,maior amplitude de servizos, acceso directo para o alumnado do Instituto Xunqueira II, un ximnasio máis amplo e mellor equipado, e o que é máis importante, un amplo abano de vestiarios para o servizo tanto da propia instalación como dos campos de fútbol próximos.

En total hai 19 vestiarios cunha capacidade media dunhas 20-30 persoas, co que existe unha capacidade de operación cómoda para arredor de 400 deportistas simultaneamente, co que será un auténtico motor deportivo para a cultura física da capital. Os vestiarios que dan servizo aos deportistas de exterior contan cunha entrada illada e poden ser utilizados en horarios independentes aos do propio edificio.

O Multiusos ten 24 anos e tiña necesidades de mellora e actualización inaprazables pois aínda que neste tempo fixéronse traballos de mantemento tratando de alongar a súa vida útil, ultimamente presentaba evidentes problemas estruturais xunto a outros que fixeron necesaria esta reforma integral.

O alcalde amosou a súa satisfacción polo avance das obras e pola calidade das mesmas, o que repercutirá na práctica deportiva de numerosas persoas de todas as idades que utilizan A Xunqueira cada día. Ademais do alumnado do IES A Xunqueira II que o ten como polideportivo, oito clubs utilizan a instalación: Teucro, Cisne, Leis, Voleibol Pontevedra, Arxil, Estudantes Pontevedra e O Club de Baloncesto Pontevedra e os equipos da Liga Asfusa.

Proxecto

O proxecto de reforma integral do Pavillón Municipal Multiusos da Xunqueira contempla conservar só a estrutura do edificio e derrubar o demais.

• Cuberta, refaise totalmente con illante térmico até o de agora inexistente e impermeabilízase dando solución aos problemas actuais de humidade. Só se manterá a grava actual sobre a cuberta.

  • Illamento térmico da instalación, lograrase cunha nova carpintería metálica e novo acristalamento específico para acadar ese illamento.
  • Renóvanse todos os servizos: electricidade, alumeado Led que permitirá poder practicar deportes nas dúas pistas de forma independente, fontanería, mellora do sistema antiincendios…
  • Renóvase todo o sistema de calor con novas caldeiras, sistema de quecemento de auga con placas solares, sistema de auga quente sanitaria, e sistema de auga fría.
  •  Farase unha mellora integral da accesibilidade, eliminando as barreiras do edificio, instalando un novo ascensor, e construíndo aseos adaptados para o público, dos que agora carecen
  • No tocante ás instalacións deportivas, está prevista a redistribución dos vestiarios de xeito máis racional e equilibrado, con novo mobiliario e equipamento interior. Tamén serán novas as pistas deportivas, xa que se retirará a actual soleira de formigón, instalarase unha nova, sobre a que se montará a nova superficie de xogo. Tamén disporá de novo mobiliario como banquiños e mesas de control, canastras de baloncesto e bancadas con cortina elevábel.

Fondos FEDER

A intervención no Pavillón Multiusos redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).