Avanza a obra que porá o mercado “nos tempos que corren”

71
  • Novos usos, sinerxías entre os usuarios/as e entre eles e a contorna, obxectivo da reforma en marcha
  • Anabel Gulías “faremos todo o posible para que no primeiro trimestre do 2019 o mercado estea funcionando”
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

Poñer o mercado de Pontevedra “nos tempos que corren”, con novos usos e creando sinerxías entre os distintos usuarios/as e entre eles e a contorna. Con este obxectivo está en marcha a reforma do primeiro andar do mercado de abastos, proxecto financiado nun 80% polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) de Pontevedra.

A concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías, achegouse hoxe a 1º andar da praza de abastos co fin de ver o avance da obra que está en marcha e que foi adxudicada á empresa Acevi por 218.682,22 euros. Nesta visita a concelleira lembrou que “o proxecto non empeza aquí, comezou coa modificación do regulamento do  mercado do concelleiro de Réxime Interior, Vicente Legisima; comezou probando actividades diferentes e diversas neste espazo como Sétima Feira ou O Ganapán; comezou tamén ao trasladar os postos aquí situados e a lonxa á planta de abaixo”, un limiar que “non foi sinxelo, que non foi doado facer pero finalmente hoxe estamos aquí cunha boa mostra do que se vai a converter este primeiro andar”.

A ninguén se lle escapa, engadiu a concelleira de Promoción Económica, que os mercados foron evolucionado e “o de Pontevedra non podía permitirse seguir ancorado nos usos tradicionais”. A proposta na que se está a traballar e converter o primeiro andar nun espazo gastronómico no que a xente veña a mercar e a degustar produtos  preferentemente do andar de abaixo, pero tamén un espazo onde innovar e dar a coñecer outras cociñas, no que acoller actividades gastronómicas, educativas, culturais, artísticas, e musicais. Aquí atoparemos, enumera Anabel Gulías:

MERCADOLAB (programa cultural permanente do Mercado) no que traballaremos por ter unha proposta de lecer atractiva arredor da cultura gastronómica, a tradicional e a contemporánea, a local e doutras partes do mundo.

O GANAPÁN,  espazo de lecer no que o público infantil e familiar terán un marcado protagonismo. Obradoiros infantís, roteiros e actividades porán en contacto á cativada cos alimentos e os produtos da praza.

SÉTIMA FEIRA, paralelamente a programación gastronómica e cultural cotiá, celebraranse eventos temporais como este mercado da moda e arte que ocupa a praza o primeiro sábado de cada mes.

A versatilidade de uso deste espazo é posible tamén grazas á creación de diferentes espazos de almacenaxe (fixos e eventuais) en diferentes puntos, de cara a poder mover parte do mobiliario cando sexa necesario e gardar equipos audiovisuais, ademais de tarimas para eventos, faladoiros, conferencias, recitais, etc.

A concelleira de Promoción Económica puxo a énfase tamén nos traballos de reforma e adecuación do espazo que se están a realizar, traballos non sempre a vista mais necesario para conquerir o espazo gastronómico desexado. “Fixemos un esforzo importante para que os postos tiveran extracción de fumes; un esforzo no traslado dos elementos decorativos e o mobiliario obsoleto que había; puxemos a nivel o chan,  tratamos e pintamos todos os postos que estaban precarios; abordamos a instalación de abastecemento de auga para as conexións temporais coa zona central..”

Mentres a obra avanza, a tramitación das bases para a definición dos usos e a adxudicación dos postos segue o seu curso. Anabel Gulías subliñou que “faremos todo o posible para que no primeiro trimestre de 2019 o mercado estea funcionando.

Nestas bases recóllense horarios, os prezos dos canon a pagar, o número de postos, condicións das concesións -24 postos, 16 de eles con extracción de fumes- etc.

Fondos FEDER

A actuación no mercado de abastos redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e na Estratexia EDUSI Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Dossier Actuacións mercado_dec_2018