Concello e Deputación da man na construción do novo Centro social dos Campos

90
  • Lores e Dasilva subliñan a boa e fluída relación entre as dúas administracións, baseada no respecto e a lealdade institucional
  • O futuro centro que se construirá na vella escola unitaria ten un orzamento de 543.326,63 euros

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores e a presidenta provincial, Carmela Silva, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a construción do Centro social de Os Campos, en Mourente. Un novo acordo de cooperación institucional que amosa a boa e fluída relación que manteñen o Concello e a Deputación, baseadas no respecto mutuo e a lealdade institucional.

O proxecto co centro social, que se construirá na vella escola unitaria dos Campos, ten un orzamento de licitación de 543.326,63 euro. A Deputación aportará o 90% e o Concello asume o resto, ademais da redacción do proxecto, da súa tramitación e execución.

Fernández Lores subliñou, após da sinatura, a “relación excepcional” que mantén o Concello e a Deputación, con Carmela Silva ao fronte. “É un luxo traballar así, hai respecto ás demandas, proxectos e prioridades do Concello, unha lealdade institucional absoluta” o que, engadiu o alcalde “fai que as administracións sexan máis operativas e áxiles o dea máis servizos aos cidadáns”.

Relacións de colaboración como a do Concello e a Deputación “colocan a Pontevedra (cidade e provincia) no mapa das boas prácticas das administracións e da política” engadiu Lores.

Esta boa relación tamén foi subliñada por Carmela Silva, quen encadrou o convenio do centro social dos Campos na ampla ringleira de colaboracións entre as dúas administracións ” un dos moitos que xa asinamos: rede de saneamento, o acceso a Monte Porreiro, a Rolda Leste, campos de fútbol, o Centro Social do Burgo, mellora de estradas ou actividades deportivas” e avanzou que “cando comece 2019 asinaremos máis”.

Os-Campos-PRESENTACION-DEFINITIVA-06.06.2017

convenio Centro Social Os Campos