Francisco Barbeito Castro o e Centro de Recursos Educativos da ONCE, premios Cidade de Pontevedra 2018

43
  • O fundador de Cristalería Pontevedresa é un “referente de traballo ben feito, honestidade e conexión permanente con Pontevedra”
  • A implicación da ONCE na cidade do Lérez súmase ao seu fundamental labor social

O xurado, entre as seis propostas que tiña enriba da mesa, elixiu por unanimidade a o empresario Francisco Barbeito Castro (nacategoría de persoa fiśica) e ao Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE (na de persoa xurídica) como Premios Cidade de Pontevedra 2018.

A presidenta do xurado e concelleira de Cultura, Carme Fouces deu os Parabéns! aos elixidos “con méritos máis que sobrados” para seren galardoados mais tamén aos integrantes das outras candidaturas “todas perfectamente defendibles”. A excelencia abrangue aos distintos eidos de actividade e o traballo de moitas persoas que fan acotío cousas moi salientables o que fai que teñamos que estar “orgullosos da nosa cidade”.

Francisco Barbeito Castro, fundador da empresa Cristalería Pontevedra SA (hoxe Pontevedresa Group), foi definido pola concelleira de Cultura como un “dos primeiros emprendedores de Pontevedra”, que seis décadas após da súa creación mantén a empresa en pé e “conseguindo ser un referente de traballo, de honestidade e de conexión permanente con Pontevedra”. Foi quen de catapultar a súa firma a nivel internacional, apostando polo traballo ben feito e a innovación mais sempre co pé, a cabeza, o corazón e a sede na Boa Vila.

Pola súa banda o Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE recibe o premio cando se cumpren 75 anos da súa implantación en Pontevedra onde desenvolveu e desenvolve unha labor social “fundamental”. A súa implicación na cidade do Lérez vai máis alá do labor educativo-asistencial como o proba o desbloqueo do convenio que vai a permitir a permeabilización da cidade pola finca da ONCE.

“Alá onde están (Barbeito e a ONCE) falan de Pontevedra” subliñou Carme Fouces quen non dubida que “levan a Pontevedra no corazón”.

O xurado dos Premios Cidade de Pontevedra estivo presidido pola concelleira de Cultura, Carme Fouces e formaron parte del os concelleiros Anxos Riveiro, Alberto Oubiña e Pilar Comesaña (Goberno local), Aurora Cañizares e María José Rodríguez Teso (representantes do PP), Paloma Castro (PSOE), Carme Moreira (Marea Pontevedra); José Manuel Loureiro, o presidente da Federación Castelao, (representante das asociacións veciñais); Xaquín Estévez Galiñanes, da Asociación O Burgo (representante das asociacións culturais) e Alex Expiño, periodista de pontevedraviva.com (representante dos medios de comunicaciónl).

Os premios que levan o nome da cidade entregaranse nun Pleno extraordinario de honra que se desenvolverá no Teatro Principal o 21 de xaneiro, ao día seguinte de San Sebastián, que este ano cae en domingo.

A candidatura do veterano empresario Francisco Barbeito Castro, presentada por AJE, competía coas da enfermeira Carmen Abeledo Márquez, presentada polos Traballadores do Centro de Saúde da Parda e a de Manuel Barreiro Cabanelas, da .VV Laxedo de A Lama.

Pola súa banda o Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE, presentada pola Asociación Síndrome de Down “Xuntos”, impúxose ás candidaturas de as Mariscadoras de Lourizán, proposta pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) e a da ONG Solidariedade Internacional de Galicia, da Asociación de comerciantes Galerías Oliva.

Memoria xustificativa CRE da ONCE

Memoria xustificativa Francisco Barbeito