Adxudicada a reforma de Lepanto

30
    • A empresa E.C.Casas foi a gañadora da licitación da obra, que non se iniciará até o remate dos traballos en Benito Corbal.

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra adxudicou esta mañá a reforma da rúa Lepanto á empresa E.C.Casas por 183.401,08 euros. A contratación tiña un prezo de licitación de 256.505 euros e un prazo de execución de 4 meses. Tíñanse presentado 19 empresas.

O proxecto de reforma da rúa Lepanto consiste na creación dunha plataforma única, con pavimento de lastro confinado en bandas de formigón e remata cunha zona de estancia con árbores e bancos na cabeceira que toca coa rúa Benito Corbal.

Tan importante como a actuación en superficie, que vai a converter a rúa nun espazo de preferencia peonil e convivencia, con estacionamento de servizos; vai a ser a renovación dos servizos soterrados de saneamento, acometidas de auga, separación de augas pluviais e fecais.

A empresa está obrigada a realizar as melloras da rúa que consisten na renovación de toda a iluminación coa recuperación de 8 luminarias cun modelo diferente ao actual, e a pavimentación do cruzamento entre as rúas Lepanto con San Antoniño.

Seguindo a recomendación da Policía Local, esta obra non se simultaneará coa reforma da rúa Benito Corbal que comeza esta mesma mañá cos cambios de tráfico e o traslado de materiais; xa que impediría o tránsito, incluso, aos residentes e non sería operativa na zona.

De todos xeitos, durante as vindeiras semanas a empresa terá que realizar toda a tramitación para a sinatura oficial do contrato de reforma.