Chega unha nova edición de Noites Abertas… e van vinte

335
  • 96 actividades; 161 monitores/as, 21 asociacións e clubs e 18 pemes e emprendedores implicados na organización falan da complexidade do programa de ocio xuvenil
  • Comeza o vindeiro venres 25 de xaneiro e estenderase até o sábado 6 de abril (9 fins de semana)

Chega unha nova edición de Noites Abertas. E van vinte. Moito se ten andado e aprendido nestas dúas décadas. Se na primeira edición o programa municipal de ocio xuvenil contou cunha oferta de 13 actividades diferentes, coa colaboración de 9 asociacións e unha empresa e un orzamento de 6.000 euros; hoxe temos por diante un programa de 96 actividades (e 234 sesións diferentes), con 161 monitores/as, 1 director de actividades, 5 persoas de control de instalacións; 2 axentes e unha estudante en prácticas de Igualdade; a colaboración de 21 asociacións e clubs deportivos e 18 pemes e emprendedores.

Os datos foron postos enriba da mesa polo concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña durante a presentación de Noites Abertas 2019, que terá lugar en 14 espazos diferentes entre o vindeiro venres 25 de xaneiro e o sábado 6 de abril. Un total de 9 fins de semana (18 sesións) nas que os mozos e mozas de Pontevedra terán a posibilidade de participar, de balde, nunha chea de actividades de lecer, musicais, deportivas, colaborativas e formativas e que como non pode ser doutro xeito inclúe novidades. Neste senso Alberto Oubiña apuntou: a colaboración co Salón do Libro Infantil; Cantos de taberna para a mocidade e o obradoiro Fai do teu can un artista.

O abano da oferta é moi amplo, nela atópase dende actividades deportivas (tenis de mesa, fútbol gaélico, quidditch..) até obradoiros de manualidades (crear haikus ilustrados, estampado de camisetas, artesanía en papel…); dende actividades musicais (batería, creación de APPs, música electrónica…) até obradoiros de cociña (orellas de entroido, galletas, comida vegana, comida portuguesa…); dende teatro feminista até programación de videoxogos; gymkana, xogo de tronos, etc.

“O que funciona hai que tocalo o menos posible” indicou o concelleiro de Xuventude quen mantén que vinte anos despois Noites Abertas “continúa co seu espírito de rebeldía”. Unha rebeldía que ten entre os seus vimbios a aposta pola igualdade e pola integración e o respecto á diversidade.

Noites Abertas vai dirixido a mozas e mozas de 12 a 30 anos, aínda que hai actividades con idades acoutadas. A aposta pola igualdade está no ADN de Noites, subliñou Alberto Oubiña. Próbao a existencia e pulo da Comisión de Igualdade que tutela a formación das monitoras/es -para selo hai que facer un curso de igualdade- e vixía de xeito activo que as actividades programadas non sexan sexistas e que se desenvolven correctamente.

Unha edición máis Noites inclúe o programa de acompañamento á mocidade con discapacidade intelectual, coa colaboración da Asociación Xuntos.

Todas as actividades son dgratuítas aínda que hai convocatorias con prazas limitadas. Cando a demanda sexa máis que oferta, sortearanse as prazas.

Tan só 9 das 96 actividades precisan preinscrición para as que se abrirá un prazo na web de Noites Abertas. Son as seguintes: Observación astronómica no observatorio de Cotobade, “Tour Messier”; observación astronómica no miradoiro de Augasantas, Xogos de Tronos (xogo nocturno de estratexia), gymkana programable, noite no camposanto; ruta en kaiak polo Lérez, roteiro polo Gafos, escape book e rastrexo literario.

Información: noitesabertas.gal e nas redes facebook e instagram

carteis nnaa2019 [web]