“Fóra todo o estraño”, arte e relatorios para reflexionar sobre a enfermidade mental

36
  • urza exporá a súa obra no Café Moderno dende o 25 de xaneiro até o 8 de febreiro, unha metáfora da anguria
  • O coñecemento, primeiro chanzo para combater o estigma e o risco de exclusión das persoas con patoloxías mentais

Profundar no coñecemento da situación da saúde mental, da poboación en xeral e das persoas en risco de exclusión social (sinteitos, persoas con adicción…) e ao tempo poñer en valor o traballo das persoas con enfermidade mental son quen de levar adiante unha vida normalizada. Un dobre obxectivo que vai da man da arte e dun programa de relatorios-debate no proxecto “Fóra todo o estraño”, que promove a Concellería de Benestar Social Municipal da man de Taller Aberto e coa colaboración de Afundación.

O concelleira de Benestar Social, Anxos Riveiro, presentou hoxe o proxecto poñendo o foco na necesidade de levantar o manto para “visibilizar a enfermidade mental, coñecela, reflexionar sobre ela e combater o estigma e o risco de exclusión social das persoas con patoloxías mentais”. Ao seu carón África Martínez, de Taller Aberto e Paloma Vila de Afundación

A arte xoga un papel fundamental no proxecto. A mostra Fóra todo o estraño do artista urza, que interpreta a obra de Samuel Beckett como metáfora da anguria do diferente na sociedade contemporánea, guiará a reflexión e arroupara os relatorios do programa que terán lugar na sala de exposicións do Café Moderno.

A mostra poderá verse dende o 25 de xaneiro -a inauguración será ás 19.00 horas- até o 8 de febreiro. Estará aberta ao público no seguinte horario: De luns a venres, de 17.00 a 20.00 horas. Sábados, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 horas ás 20.30. Domingos pechado.

África Martínez explica que urza autorretrátase na súa obra como personaxe anónimo pechado nun cuarto sen ocos, cedendo o seu corpo ao colectivo da diversidade psíquica, que abarca un amplo espectro. É a súa unha obra escura que convida á reflexión.

Este escenario, a sala de exposicións, acollerá os relatorios dos especialistas que abordarán distintos aspectos da enfermidade mental. Son charlas abertas ao público en xeral.

Programa
•  Un percorrido polo panorama actual da saúde mental. 29 de xaneiro, ás 19.00 horas

Ramón Area. Psiquiatra, traballa nunha unidade de rehabilitación psicosocial en Santiago, presidente da Asociación Galega da Saúde Mental (AGSM-AEN) e autor de numerosos artigos na revista Siso Saúde e noutras publicacións nacionais e internacionais sobre saúde mental.

Relación entre saúde mental e arte. ART BRUT. 30 de xaneiro, ás 19.00 horas

Art Brut (Antón Cascais e Alcira Cibeira). Antón, Psiquiatra no Hospital de Piñor de Ourense e Alcira, psiquiatra do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Ambos forman parte dun grupo de traballo sobre arte e psicoanálise na Facultade de Filosofía da UsC, xunto coa historiadora da arte, Rosa Vázquez.

Enfermidade mental e muller. 5 de febreiro, ás 19.00 horas.

Julia Fraga. Psiquiatra. Máster en Terapia familiar e formación en Psiquiatría psicodinámica. Miembro, desde a súa fundación do Foro de Psiquiatras Españolas a favor dos estudos de xénero. Na actualidade é Facultativa especialista de área no Centro de Saúde Mental Taboada Leal do CHUVI

Estigma, exclusión social e saúde mental. 6 de febreiro, ás 19.00 horas.

Manuel Arrojo. Facultativo especialista de área no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS); é responsable do programa de terapia electroconvulsiva do CHUS e dunha unidade de rehabilitación hospitalaria de longa estancia. Tamén é vocal da Asociación Galega de Psiquiatría. Foi representante de Galicia na Estrategia Nacional de Salud Mental (2009-2015) e coordinou dentro da mesma o grupo de loita contra o estigma e a discriminación.