O Concello comeza o traballo para implantar o transporte a demanda en Pontevedra

75
  • O concelleiro de Mobilidade mantivo unha reunión co sector do taxi que amosou o seu interese e a súa boa disposición a colaborar co proxecto.
  • O transporte a demanda está entre as iniciativas municipais cofinanciadas polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Ter o mellor transporte público, que responda ás necesidades reais dos usuarios e adaptado ao século XXI. Con este horizonte por diantre o Concello de Pontevedra comeza a dar os primeiros pasos cara a implantación dun modelo de transporte colectivo, a demanda, mediante vehículos de baixa capacidade (de nove prazas ou menos).

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, xunto con técnicos municipais. mantivo unha xuntanza cos representantes da Asociación do Taxi de Pontevedra e da Asociación Provincial do Taxi co fin de avanzarlles as liñas xerais da iniciativa do Goberno local, subliñando as oportunidades que tería para este sector profesional a súa participación nesta iniciativa de transporte urbano, e coñecer a súa disposición a colaborar no proxecto.

A reunión de contacto co sector do taxi pontevedrés acontece 24 horas antes da reunión de traballo que manterá o Concello coa Xunta na que técnicos das dúas administracións abordarán a reformulación do transporte público de Pontevedra e a necesidade de coordinar esta iniciativa co resto de propostas de transporte metropolitano e interurbano da área de Pontevedra.

“É o momento de abordar o tema pois é agora cando rematan as concesións de moitas liñas de autobús e se vai a enfrontar a modificación, mantemento e supresión de liñas”, lembra o concelleiro de Mobilidade quen sinalou que “imos a intentar poñer en marcha o transporte a demanda e non creo que a Xunta se negue a ter un bo transporte público, o lóxico é que nesta cuestión colaboremos todas as administracións”.

José Crespo, portavoz da Asociación Provincial do Taxi, subliñou que “estamos moi interesados” na proposta de transporte a demanda que o Concello de Pontevedra pon en riba da mesa e avanzou que “nós imos a colaborar todo o posible” para que saia adiante.

O sector do taxi conta na cidade con 89 vehículos (licenzas) e emprega a arredor de 110 persoas. Nesta flota hai vehículos de até 7 prazas. Segundo o seu portavoz o seu interese e “dar un bo servizo” e o transporte a demanda é unha posibilidade de avanzar na procura dun servizo de calidade e mais ampliar o seu volume de servizos e clientes.

O proxecto de transporte a demanda desenvolve o Obxectivo 4.5.1 da Estratexia 2020 Europea, mediante o “Fomento da mobilidade sostible: transporte urbano limpo, transporte colectivo, conexión urbana-rural, melloras na rede viaria, transporte ciclista, peonil, mobilidade eléctrica, e desenvolvemento de sistemas de fornezo de enerxías limpas; dentro do campo de intervención (CI047/CE044) Sistemas de transporte intelixentes”.

Consistirá na implementación dun medio de transporte público baixo demanda entre a poboación residente en núcleos de baixa densidade, fundamentalmente. Este servizo favorecerá a mobilidade á carta, facilitando o transporte a onde se determine, no momento que se demande, compartindo a viaxe con outros pasaxeiros con traxectos similares, en vehículos de baixa capacidade, articulado, preferentemente, a través do servizo de taxi. Priorizaranse os desprazamentos a equipamentos socio-sanitarios e de carácter asistencial.

Este sistema de transporte estará orientado principalmente á poboación de núcleos de baixa e media densidade de Pontevedra e a colectivos con posibilidades de mobilidade reducida (poboación da terceira idade, poboación infantil e xuvenil, etc.).

O proxecto conta cun investimento aproximado de 300.000 euros, do que o 80% corresponde ao financiamento a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER 2014-20). Incluíndo neste investimento as axudas para implementar solucións tecnolóxicas.

A análise e avaliación de experiencias de transporte a demanda doutros lugares (implantadas e tamén fracasadas) guiará a definición do sistema en Pontevedra.

Fondos FEDER

O proxecto para “A implantación dun modelo de transporte colectivo a demanda mediante vehículos de baixa capacidade” encádrase nos obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020 e da da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).