Lores reúnese cos hoteleiros para avanzar na promoción turística da cidade

77
  • Constatan a boa saúde do sector, o que explica polo posicionamento estratéxico de Pontevedra no mundo e a aposta pola desestacionalización
  • O Concello porá en marcha un Plan de formación en idiomas coa vista posta no Mundial Multideporte e un Plan especial de promoción do Camiño Portugués a Santiago cara o 2021
  • Concordan no debuxo do perfil do turista que medra: visitante de orixe europea ou americana e nivel adquisitivo medio

O alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías mantiveron onte unha xuntanza de traballo coa Asociación de Hoteleiros de Pontevedra co fin de cambiar pareceres sobre a situación do sector na cidade, obxectivos a acadar e liñas de colaboración. Na reunión, desenvolvida nun clima distendido e participativo, constatouse a “boa saúde do sector”, un sector que rexistra un incremento progresivo de actividade e resultados dende fai cinco anos e que é moderadamente optimista respecto a continuidade deste camiño.

Alcalde e concelleira concordaron cos hoteleiros nos factores que explican en boa medida a liña positiva na que está o sector hoteleiro e turístico: o posicionamento estratéxico de Pontevedra -“un percorrido lento pero cun importante retorno”- e a importancia do Camiño Portugués a Santiago. Os datos manexados polo Goberno local e a Asociación de Hoteleiros concordan tamén ao debuxar o perfil do visitantes que medra, un visitante internacional, os máis europeos pero tamén americanos, cun nivel adquisitivo medio e medio-alto.

Fernández Lores informoulles que dende o Concello se vai a seguir adiante co traballo a prol do posicionamento internacional de Pontevedra e da desestacionalización do turismo.

Neste caso aposta municipal está vencellada á realización de eventos e sobre todo de eventos deportivos. De feito trasladoulles aos hoteleiros o calendario de citas deportivas internacionais e estatais que acollerá este ano Pontevedra, entre as que destaca o Mundial Multideporte.

O Concello ten en carteira dúas accións inmediatas para avanzar na promoción turística da cidade:

  • Plan de formación en idiomas, coa vista posta na celebración do Mundial Multideporte que reunirá en Pontevedra a atletas de todo o mundo
  • Plan especial de promoción do Camiño Portugués a Santiago co horizonte do 2021