O Concello ofertará en febreiro visitas guiadas á mostra ‘Debuxando ao alén’ de Ana Juan da man da artista Itziar Ezquieta

2
  • Terán lugar os domingos 10, 17 e 24 de febreiro ás 12:00 horas na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura.
  • Con entrada libre ata completar cabida e destinadas ao público en xeral e familiar, no precisan de inscrición previa.
  • Escolares de Secundaria e Bacharelato tamén poderán gozar delas previa solicitude a través do correo electrónico comunicacion@pazodacultura.org

Con ánimo de dinamizar e achegar a todos os públicos a exposición interactiva da afamada ilustradora do New Yorker, Ana Juan, a Concellaría de Cultura ofertará no mes de febreiro, visitas guiadas á mesma.

Estarán a cargo da artista e docente Itziar Ezquieta e terán lugar os domingos 10, 17 e 24 de febreiro (data na que se clausura) ás 12:00 horas. Poden asistir sen previa comunicación adultos e familias simplemente achegándose á Sala de Exposicións do Pazo da Cultura á hora indicada.

É recomendable que os/as interesados/as descarguen previamente á aplicación ‘Ana Juan, dibujando al otro lado’ nos seus smartphones para gozar plenamente da experiencia.

Por outra banda, os centros de ensino secundario e bacharelato, terán tamén a posibilidade de realizar estes roteiros interactivos previa solicitude no enderezo electrónico comunicacion@pazodacultura.org

Fóra das visitas guiadas, a mostra permanecerá visitable ata o 24 de febreiro inclusive no horario habitual de apertura da Sala de martes a venres de 18:00h. a 21:00h. Sábados de 12:00h a 14:00h 18:00h a 21:00 h. Domingo e festivos de 12:00h. a 14:00h. Luns, pechado.

Sobre a exposición

A exposición interactiva ‘Ana Juan, debuxando ao alén’, achegada por Acción Cultural Española AC/E, aproxímanos ao universo creativo desta ilustradora recoñecida internacionalmente. A aplicación desenvolvida para esta mostra descúbrenos o proceso creativo de dous proxectos editoriais totalmente distintos: ‘Otra vuelta de tuerca’ e ‘Snowhite’. Ademais, preséntanos en primicia ‘Erthaland, Snowhite’s Mystery Tale’, unha aventura gráfica interactiva que desenvolve actualmente co equipo UNIT Experimental. Aquí poderemos mergullarnos no primeiro capítulo desta aventura e realizar unha visita virtual á contorna en que transcorre. Así mesmo, a realidade aumentada e unha recreación animada revélannos novos puntos de vista e múltiplos detalles deste proxecto.