Lourizán disporá de novo centro social neste mes de febreiro

45
  • O alcalde visitou esta mañá os traballos de reforma do antigo Mercado de Abastos de Estribela, que habilitará 670 metros cadrados para usos veciñais.
  • Habilítase unha gran sala de usos múltiples, tres salas para outros usos, un despacho compartido e espazos de almacén e maquinaria.

O novo Centro social de Lourizán, situado no casco de Estribela estará rematado ao longo do mes de febreiro, tal e como anunciou esta mañá o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, durante a visita que fixo ao que era o antigo mercado de Estribela.

“Sorprendeume agradablemente” asegurou o alcalde quen afirmou que “nos gusta que todas as parroquias e os núcleos máis importantes teñan local social, porque son os lugares nos que se fai a cohesión social, onde a xente se reúne, convive, discute…”. Afirmou que “Estribela xa tiña un centro pequeno, pero agora terá un centro de luxo no que se vai poder facer todo tipo de actividades”.

O proxecto

A reforma do Local Social de Lourizán foi adxudicado a Construcións Pérez Abilleira por 452.182 euros, aínda que a licitación do proxecto era de 545.521,32 euros. A empresa ofertou un prazo de execución de 6 meses, e melloras no mobiliario valoradas en 33.000 euros.

O de Lourizán será un dos máis grandes centros sociais que o Concello ten repartidos por barrios e parroquias. Terá unha superficie de 672 metros cadrados construídos, moi necesaria para albergar as múltiples actividades que se programan a parroquia máis poboada do municipio.

Dispón de dous andares. Na planta baixa (o que era o antigo mercado que está pechado agás un espazo que ocupa unha concesión dunha carnicería, totalmente exenta ao edificio actual), empregarase para usos específicos e menos habituais como conferencias, proxeccións, exposicións… Créase unha sala de 130 metros cadrados que se fai accesíbel dende o exterior creando un vestíbulo de entrada. Disporá de zona de almacén, aseos e dun office que poderá servir para facer cursos de cociña, por exemplo.

Esta planta é totalmente independente do segundo andar, que ten acceso directo dende a parte de atrás do edificio. Esta segunda planta ten unha superficie de 372 metros cadrados para almacéns, despacho, tres aulas e aseos. O vestíbulo común a estas salas disporá de iluminación natural, xa que as paredes das salas non chegarán até o teito o que permitirá que entre a luz cara o vestíbulo central.

Ademais, creouse unha galería á vista en toda a fachada para dar maior luz a todas as dependencias.

O proxecto contou cun proceso amplo de consultas e achega de propostas, ademais de recoller todas aquelas necesidades que se tiñan plasmado no Plan de Parroquia de Lourizán. O resultado foi un proxecto sustentábel economicamente xa que permite aproveitar os recursos económicos e un edificio xa construído; socialmente, porque a parroquia precisa un espazo de encontro veciñal; e ambientalmente porque ademais de reutilizar unha infraestrutura xa existente, empregará materiais e unha iluminación respectuosos co medio.