Pontevedra, en disposición de iniciar o estudo do transporte a demanda

24
  • Unha vez coñecido o anteproxecto de explotación de transporte de viaxeiros de Galicia, na área metropolitana de Pontevedra, o Concello está en disposición de comezar os estudos para implantar esta novedosa fórmula en Galiza.

O Concello de Pontevedra está en disposición de pór en marcha o proxecto de transporte a demanda, unha vez que se deu a coñecer o anteproxecto de explotación de transporte de viaxeiros de Galicia, no que a Pontevedra respecta. O concelleiro de Infraestruturas e Mobilidade, César Mosquera explicou que con este documento da Xunta de Galicia “despéxase o camiño”.

Este documento autonómico recolle que a área metropolitana de Pontevedra está integrada pola capital máis os concellos de Poio, Marín e Vilaboa. Consta de 27 liñas, das cales 7 son escolares, e das outras 20, algunha outra está vinculada ao transporte escolar. As liñas que define son as mesmas que con anterioridade, agás unha nova que se crea ao Colexio dos Praceres.

Das 27 liñas, a Xunta clasifica como urbanas dúas: as que van a Monte Porreiro.

“Fixado este marco, o Concello ten vía libre para implantar o transporte a demanda”. De feito, está previsto que esta mesma semana se celebre unha nova reunión co sector do taxi, e se van iniciar os trámites para modificar a ordenanza que regula o transporte de vehículos de baixa capacidade.

Aínda que estaría por definir, o transporte a demanda poderá incluír grande parte da área rural, e parte dos barrios urbanos.