Científicas galegas explican a súa experiencia no Día Internacional da Muller e a Nena na ciencia

44

A xornada contará coa presenza a través de videoconferecia da astrofísica da NASA, Begoña Vila, e unha mesa redonda vespertina da man de catro científicas galegas de recoñecido prestixio.

Esta iniciativa promovida pola Concellaría de Igualdade responde á “necesidade de reivindicar o papel das mulleres no ámbito científico-tecnolóxico ou das enxeñerías, no que non están todo o representadas que correspondería segundo á porcentaxe de poboación que somos. É preciso modificar estes estereotipos e aportar coñecementos básicos do que acontece no ámbito científico e como repercute nas nosas vidas”, segundo explicou a concelleira Carme Fouces.

A celebración desta efeméride foi plantexada, segundo comentou Mila Alonso de GCiencia, na Asamblea de Nacións Unidas no 2005 coa finalidade de acadar a participación equitativa das mulleres na ciencia xa que “tanto na profesión científica ou investigadora, é inferior ao 25% e non adoitan liderar grupos de traballo. Esta tipo de iniciativas visibilizan o papel das mulleres é promoven prácticas de igualdade”.

Serán 5 as mulleres, científicas, galegas e todas elas cunha traxectoria profesional recoñecida con diferentes premios como María Josefa Wonenburguer, Mellor Investigadora Moza de Europa ou o L´Oreal- UNESCO entre outros, as que intervirán nas actividades programadas:

  • 12:30h. no Salón de Actos do Pazo da Cultura, ‘Videoconferencia de Begoña Vila con estudantes’. Principalmente concertado con alumnado de últimos cursos de primaria e secundaria, estará tamén aberto ao público ata completar o aforo.
  • 20:00h. na Casa das Campás, mesa redonda ‘Muller e ciencia’. Aberto ao público en xeral contará coa presenza de Vanessa Valdiglesias, Elena Vázquez Cendón, Isabel Pastoriza Santos e Alicia Estévez Toranzo

Información biográfica

  • Begoña Vila: D Begoña Vila Costas (Vigo, 1963) é unha astrofísica galega especializada no estudo de galaxias espirais. Actualmente traballa en Washington DC como enxeñeira de sistemas no centro de voo espacial Goddard da NASA.
    Estudou astrofísica na Universidade de Santiago de Compostela e no Instituto de Astrofísica de Canarias e doutorouse no Centro Jodrell Bank para Astrofísicos da Universidade de Manchester.
    Traballou para a Axencia Espacial Canadense no deseño e construción do Fine Guidance Sensor (FGS), o sensor do famoso telescopio espacial James Webb. A raíz deste traballo chegou a súa contratación pola NASA en 2012. Un ano despois, Vilas foi nomeada ‘FGS lead systems engineer’, ou o que é o mesmo: a persoa de referencia na toma de decisións en relación ao sensor.
    En setembro de 2016 foi condecorada pola NASA coa medalla ao Exceptional Public Achievement (logro público excepcional) polos “anos de logros excepcionais e liderado no deseño, desenvolvemento e probas do FGS”. En 2017 recibiu na “casa” o Premio Wonenburger concedido pola Xunta de Galicia.
  • Vanessa Valdiglesias: Doutora en Bioloxía e investigadora no laboratorio de Toxicoloxía da Universidade da Coruña. No seu día participou nun estudo dos efectos do fuel do Prestige sobre seres humanos que o manipularon. Actualmente o seu grupo de investigación estuda os posibles impactos que poida ter na saúde o uso de nanomateriais que se utilizan en agricultura, medicina ou cosmética.
    En 2015 recibiu o premio á Mellor Investigadora Moza de Europa pola Sociedad Europea de Genómica y Mutagénesis Ambiental.
  • Elena Vázquez Cendón: Elena Vázquez Cendón foi elixida en 2017 decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. Elena é docente é investigadora. Esta profesora titular de Matemática Aplicada, tamén foi ata xuño de 2018 coordinadora xeral do programa de Estímulo do Talento Matemático (ESTALMAT-Galicia) para menores de entre 12 e 15 anos. Ademais e é investigadora adscrita ao Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) e membro do plenario do Consello da Cultura Galega.
  • Isabel Pastoriza Santos: Doutora en Químicas pola Universidade de Vigo. Isabel desenvolve a súa carreira científica no Departamento de Química-Física da Universidade de Vigo, onde é a coordinadora do Grupo de Química Coloidal. Os seus traballos céntranse nas nanopartículas metálicas de ouro, prata e cobre, que busca ensamblar de maneira controlada. O proceso permitirá desenvolver materiais intelixentes, capaces de detectar moléculas perigosas para o medio ambiente ou a saúde. En 2011 recibiu o Premio L’ Oréal-UNESCO “Polas mulleres na ciencia”.
  • Alicia Estévez Toranzo: Catedrática de Microbioloxía e directora do Grupo de Patoloxía en Acuicultura da Universidade de Santiago de Compostela, foi galardoada co Premio María Josefa Wonenburger Planells 2018. As súas principais liñas de investigación están centradas na patoloxía bacteriana en Acuicultura e promoveu unha decena de patentes de vacinas que preveñen enfermidades en peixes de consumo diario. Foi a primeira muller en ingresar na Real Academia Galega das Ciencias. Ademais, tamén e membro da Real Academia Galega de Farmacia.