O Local social do Burgo, listo a primeiros de maio

43
  • O alcalde visitou esta mañá a obra que inclúe un acceso independente do campo de Pasarón, onde se atopa esta instalación municipal.

Cara finais de abril ou primeiros de maio os veciños do Burgo poderán gozar do seu novo local social no primeiro andar do campo de fútbol de Pasarón. Esta mañá o alcalde e o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez visitaron os traballos de acondicionamento que se están a facer acompañados de directivos da Asociación de sociocultural do Burgo.

O alcalde confirmou sentirse “sorprendido agradablemente” polas obras que se están a facer, dado que ademais do acondicionamento do Local social tamén se están a resolver outras carencias como a creación de máis espazos de almacenaxe nos baixos do campo que serán de uso compartido polos veciños e o Concello; a instalación dun ascensor para separar as entradas do campo de fútbol e do Local social; resolver a accesibilidade universal tanto para o centro dos veciños como para bancada Sur do campo; ou ampliar o propio local social cun vestíbulo de máis de 100 metros cadrados.

Fernández Lores asegurou que era unha obra “necesaria” e recoñeceu que “cumprimos co compromiso, aínda que un pouco tarde”. A Asociación do Burgo é unha entidade cunha grande variedade de oferta para os seus asociados que desenvolve a súa actividade nun local de da rúa Manuel Murguía. O alcalde destacou que “están en precario e tiñan que ter un espazo digno”.

O acondicionamento do Local Social do Burgo foi adxudicado á empresa Gómez Crespo Obras y Servicios por 529.254 euros. O prazo de execución é de 8 meses.

A obra consistirá na creación dun centro social totalmente independente do estadio de fútbol de Pasarón e para garantir a perfecta separación xérase unha nova e específica entrada para o local social, obra na que se está traballando na actualidade.

O futuro Centro Social de O Burgo ocupa algo máis de 600 metros cadrados no campo de Pasarón. No soto estarán almacéns e armarios diferenciados para a asociación de veciños e para o Concello. 

O primeiro andar disporá dun vestíbulo e zona de estancia de 111,50 metros cadrados, 4 aulas, unha cociña, un despacho para a asociación, aseos, entre outras dependencias. Estes espazos estarán destinados a actividades, cursos, obradoiros…