Pontevedra solicita unha subvención ao Leader para trasladar a xerencia do GDR aos Campos

97
  • O propósito é rehabilitar un dos locais municipais dos Campos que acolla as oficinas dos fondos europeos.
  • O proxecto ten un custe superior aos 450.000 euros e o Concello recibirá como máximo o 30 ou 40% do proxecto.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a solicitude ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) que xestiona os fondos europeos Leader Pontevedra-Morrazo dunha axuda para situar a sede deste GDR no lugar dos Campos, en Mourente. Neste momento, as oficinas provisionais atópanse no edificio municipal de Santa Clara

Segundo explicou esta mañá o portavoz do Goberno, Raimundo González, a subvención máxima pode chegar aos 190.000 euros (entre o 30 e o 40% do custe total da obra), aínda que o proxecto ten un custe de 452.497,21 euros; a diferencia será asumida polo Concello de Pontevedra.

O edificio está situado no lugar dos Campos, parroquia de Mourente, nunha parcela con outros dous edificios municipais. Na actualidade, un acolle un campo de petanca pechado, e no outro estremo sitúase o que será o futuro local social dos Campos. O edificio das futuras dependencias do GDR está no medio da parcela, e anteriormente era un colexio de educación primaria, que se trasladou ao barrio de Monte Porreiro.

O proxecto consiste na rehabilitación integral de todo o inmoble, que ten dúas plantas. Na parte baixa, cunha superficie de 233,45 metros cadrados, está previsto a creación dun vestíbulo e sala de usos múltiples, aseos, cuartos de limpeza, almacéns… Na segunda planta, cunha superficie de 239,65 metros cadrados, instalaranse despachos, unha sala de reunións, almacén e outras dependencias para acoller estas oficinas.

O Concello de Pontevedra forma parte do Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra- Morrazo xunto aos concellos de Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo- Cotobade, A Lama, Marín, Moaña, Poio, Ponte Caldelas, Soutomaior e Vilaboa. Pontevedra é a sede operativa do GDR coa xerencia instalada, provisionalmente, no edificio municipal de Santa Clara.