O Concello fai un redeseño paisaxístico do paseo da ría

65
  • Entre a ponte das Correntes e as Corvaceiras, completaranse as aliñacións de árbores e as sebes de detrás dos bancos; crearanse macizos de sebes con flor e cambiarase todo o rego.
  • Retiraránse sebes e plantas dispersas e sen continuidade no paseo. Mellórase a fachada verde do Club Naval e amplíase a beirarrúa na saída da ponte da Barca.

A Concellaría de Medio Ambiente empeza nestes días o redeseño paisaxístico das zonas verdes do paseo da ría entre a ponte das Correntes e Corvaceiras. Trátase de recuperar espazos degradados co paso do tempo e retirar exemplares de plantas en mal estado, crear macizos de arbustos con flor e repoñer árbores, pero seguindo unha coherencia paisaxística en toda a zona.

Partindo do Club Naval, está previsto unha reformulación dos espazos verdes. Plantarase arborado similar ao do resto do paseo e tamén planta mellorando a imaxe do acceso a esta instalación. A entrada ao Club Naval carece de calquera tipo de adorno de xardín, con zonas verdes só en céspede.

Manterase e completarase a plantación da sebe vermella situada detrás dos bancos do paseo, dende a ponte das Correntes até Corvaceiras. Nalgúns puntos irase plantando macizos de sebes con flor (estilo rododendro parecidos aos situados aos pés da ponte da Barca) en determinados lugares para darlle cor e manter a coherencia de deseño en todo o paseo.

Tamén está previsto completar a aliñación de árbores naqueles puntos que faltan. Serán todas da mesma especie, aínda que non se retirarán as que agora están plantadas como os piñeiros aínda que non son os exemplares máis acaídos para este tipo de paseo.

Retirarase, polo tanto, arbustos dispersos e céspede en espazos que non deben estar, buscando esa harmonía paisaxística na zona.

A intervención supón, tamén, a renovación de todo o rego automático que será de nova xeración para que teña unha maior durabilidade.

Ademais, está previsto unha actuación aos pés da pasarela que baixa da Ponte da Barca cara o Club Naval para ensanchar o paseo reducindo un pouco o xardín.

Esta intervención complétase coa poda, limpeza e mantemento que se están a facer na mediana da avenida de Uruguai.