20 carteis e 100 fotos para conmemorar os 20 anos dos Domingos do Principal

54
  • A mostra, realizada coa colaboración do arquivo fotográfico do Diario de Pontevedra, permanecerá instalada no Teatro Principal ata mediados de marzo.
  • Ademais da parte gráfica, descubriremos datos curiosos sobre este ciclo de artes escénicas para público familar

Esta mañá o Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernánde Lores, a concelleira de Cultura Carme Fouces, inauguraban a mostra que festexa os 20 anos dos Domingos do Princpal. Facíano na compaña de Ramón Rozas do Diario de Pontevedra, que cedeu máis de 100 fotos do seu arquivo fotográfico e Xacobe Rodriguez de Teatro Akatro, coordinadora da programación do ciclo dende os seus inicios .

”Poucas ciudades poden presumir de ter un ciclo de teatro no que houbo que dobrar os pases, xa que cando poñiamos o  cartel de non hai entradas, quedaba na cola xente abondo para encher outra función. Tentamos que haxa de todo: circo, títeres, teatro de actor e ata danza contemporánea e ao longo dos anos, trouxemos compañías de toda a Península, Portugal ou Francia, construíndo unha programación de calidade”, salientaba o programador Xacobe Rodríguez, quen rematou a súa intervención facendo unha afirmación a que se sumou a concelleira: “Vemos nas fotos nenos que agora son adultos e veñen ao teatro cos seus fillos e fillas, nenos que  agora son un público adulto  educado dende pequeño, crítico e esixente ao que non lle vale calquera cousa”

Pola súa banda o Alcalde  sinalou que “celebrar 20 anos dunha programación sistemática e anual non é fácil. Éncheme de orgullo ser unha referencia en programación para nenos, porque isto tamén sucede co Salón do Libro, Noites Abertas, etc. Pontevedra está de moda polo modelo de cidade, pero recuperar os espazos públicos para a xente pasa tamén por enchelos de actividade, como estamos a facer. Isto é merito de moita xente que traballa detrás e tamén da boa acollida do público sen o que non sería posible.  Imos recibir aínda moitos retornos e o mellor está por vir”.

Se vos achegades á exposición en horario de apertura do Teatro Principal, ademais da evolución a cartelería nestes 20 anos e unha chea de fotos, poderedes descubir as seguintes curiosidades:

  • Domingos do Principal naceu no ano 2000, igual que a Feira Franca e o Salón do Libro.
  • Pasaron polos Domigos ata o momento máis de 112.500 espectadores.
  • Celebramos 286 funcións de 107 compañías diferentes e esgotamos as entradas 76 veces.
  • A votación do público chegou na 5ª edición e os pases dobres na edición do 2010.