Normalización Lingüística organiza 198 obradoiros e charlas que chegarán a 33 centros de ensino

32
  • Está prevista a participación de case 6.700 escolares nos obradoiros e actividades programadas de febreiro a xuño
  • Na oferta deste curso engádese como novidade os obradoiros de regueifa, improvisación oral conectada ao hip hop
  • Os máis cativos coñecerán a figura de Antón Fraguas, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2019
  • No curso 2017-2018 foran 170 os obradoiros organizados e participaran 6.000 estudantes de 24 centros educativos

A Concellaría de Normalización Lingüística, dirxida por Alberto Oubiña, ten entre as súas prioridades a dinamización do uso da lingua entre a xente nova, especialmente, nos usos orais. Para acadar este obxectivo, e en colaboración cos equipos de normalización lingüística (ENL) dos centros de ensino do concello, ten programados 198 obradoiros e relatorios de sociolingüística e toponimia que xa se están a desenvolver. As actividades estenderanse até o mes de xuño.

Destas propostas, 187 actividades son obradoiros que terán lugar en 33 centros educativos de Pontevedra e neles está prevista a participación activa de case 6.700 estudantes de ensino infantil, educación primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos de formación profesional.

A oferta formativa e de lecer vai actualizándose ano a ano coa incorporación de actividades novidosas, como poder ser nesta ociasión o obradoiro de regueifa – improvisación oral en verso tradicional conectado ao hip hop- ou o meigallo, un xogo cooperativo que fai un percorrido polos seres mitolóxicos, as lendas e crenzas populares da terra.

A figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, este ano Antón Fraguas, tamén terá atención especial na programación escolar da Concellería de Normalización Lingüistica co obradoiro o misterio de Antón Fraguas.

Os obradoiros programados son os seguintes:

  • Verbateca
  • O misterio de Antón Fraguas
  • Mario pensaba que o galego non servía…
  • Contos nas orellas
  • Lingua Forza 3
  • Xoguetoloxía sen nada nas mans
  • Para vir a xunto min
  • Meigallo
  • Regueifa
  • OPS!
  • Hip hop

Ás propostas de obradoiros hai que engadir dez charlas sobre sociolinguïstica e unha máis de toponimia dirixidas ao alumnado de Secundaria.

Son sete as entidades -tres asociacións e cinco empresas- que colaboran coa Concellería de Nornalización Lingüística no deseño das actividades e que as imparten. Son as asociacións aCentral Folque, A Mesa e e AGAL e as empesas: Migallas, Polo correo do vento, Xandobela, Mekané Didáctica e o músico García MC.

Nos 187 obradoiros programados participarán nenos e nenas dos seguintes centros educativos do concello: EEI Crespo Rivas; EEI Fina Casalderrey; CEIP A Carballeira de Lourizán; CEIP A Xunqueira I; CEIP A Xunqueira II; CEIP Álvarez Limeses; CEIP Barcelos; CEIP Cabanas- Salcedo; CEIP Campolongo; CEIP Froebel; CEIP Manuel Vidal Portela; CEIP de Marcón; CEIP Marcos da Portela; CEIP Parada-Campañó; CEIP de Ponte Sampaio; CEIP Príncipe Felipe; CEIP San Benito de Lérez; CEIP San Martiño-Salcedo; CEIP de Vilaverde-Mourente; CEIP de Xeve; CEE Pontevedra; colexios das Doroteas, Sagrado Corazón de Xesús, Sagrado Corazón de Xesús de Praceres, Salvador Moreno e Los Sauces; IES A Xunqueira I, IES A Xunqueira II; IES Montecelo; IES Sánchez Cantón; IES Torrente Ballester; CIFP A Xunqueira e CIFP Carlos Oroza.

OBRADOIROS

Verbateca: pensado para 4º, 5º e 6º curso de Educación Infantil e os dous primeiros cursos de Primaria. Neste obradoiro haberá diferentes xogos nos que se traballarán aspectos como a memoria, a observación, a expresión oral e corporal, a coordinación, o achegamento ao vocabulario de diferentes temáticas, o traballo en equipo e a identidade cultural e lingüística.

O misterio de Antón Fraguas: orientado aos máis pequenos; desde os 3 anos ata os dous primeiros cursos de Primaria. Esta actividade pretende dar a coñecer aos pequenos a figura de Antón Fraguas, escritor e artista homenaxeado este ano o Día das Letras Galegas. Os rapaces e rapazas escoitarán unha historia contada de xeito oral cunha trama na que a obra de Antón Fraguas vai ser fundamental para a resolución do misterio; mentres tanto, outro dos monitores realiza unha ilustración mural relacionada. A partir de aí farán unha pequena rolda de prensa guiada para profundar na historia. Para rematar, debuxarán unha caricatura do autor.

Mario pensaba que o galego non servía para nada. El sabía inglés, francés, chinés...: enfocado para os pequenos desde 3 anos ata 1º e 2º curso de Educación Primaria. Mentres os rapaces e rapazas escoitan a historia de Mario contada por un dos autores, o ilustrador realiza un mural vinculado ao conto. Comezará despois unha rolda de prensa guiada polos autores, na que os rapaces e rapazas interaccionan co conto e co debuxo de xeito que se traballa a comprensión e expresión oral das nenas e dos nenos.

Contos nas orellas: enfocado a todos os cursos de Educación Infantil e aos catro primeiros cursos de Primaria, é un obradoiros concibido para impulsar o uso da lingua galega nas nenas e nos nenos a través dos contos, os xogos e a música.

Xoguetoloxía, obradoiro de xogos sen nada nas mans: esta actividade está pensada para rapaces e rapazas de 3o,4o,5o e 6o de Educación Primaria. Obradoiro de xogos que non precisan de material para gozar deles: xogos bailados, lingüísticos e musicais. Na sesión compartiranse unha serie de enredos e dinámicas que mostran unha parte do rico patrimonio lúdico galego.

Lingua Forza 3: esta actividade orientada a todos os cursos de Primaria. É unha xincana con probas e xogos populares en versión lingüística, deseñados especialmente para esta actividade. Para superar as distintas probas os rapaces e rapazas terán que empregar as súas destrezas de traballo en equipo, resistencia, habilidade e velocidade física, lingüística e mental.

Para vir a xunto a min: obradoiro orientado a 3º, 4º ,5º e 6º curso de Educación Primaria, 1o e 2o curso de Educación Secundaria. Catro probas grupais e retos lingüísticos cunha carga lúdica importante onde as rapazas e rapaces porán en xogo as súas destrezas e os seus coñecementos lingüísticos e culturais en tarefas do día a día.

Regueifa: obradoiro para rapazas e rapaces dos últimos cursos de Educación Primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos. A través da improvisación oral en verso tradicional, exploraranse os prexuízos contra a lingua galega e aprenderanse recursos de improvisación poética.

Meigallo: obradoiro dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria. A través dun divertido xogo cooperativo, terán que atopar a solución máxica aos distintos meigallos aos que se enfrontarán: así, faise un percorrido polos seres mitolóxicos, polas lendas e crenzas populares, pola literatura de tradición oral arredor dos esconxuros, polos elementos naturais necesarios para reverter meigallos de todo tipo e polos ritos curativos. Ademais, tamén terán que escenificar o acontecido, polo que se promove a expresión oral en galego.

OPS!: con esta proposta enfocada a Educación Secundaria, Bacharelato e ciclos, o alumnado aprende que o galego é unha entrada privilexiada para acceder ao portugués e que, polo tanto, falar en galego ofrece unha clara vantaxe competitiva.

Hip Hop: orientado a rapazas e rapaces de Educación Secundaria e Bacharelato. A través da música rap búscase potenciar o uso da lingua galega así como activar as e os participantes a través da arte da palabra.