O Concello proxecta a substitución das escaleiras de Ponte Boleira ao Gafos

146
  • A vindeira semana comeza o acondicionamento dunha parcela de 380 m2 situada entre María Victoria Moreno e o parque.
  • Tamén se substituirán as pontellas e pasarelas de madeira de Tomeza e de Mar da presa.
  • O Concello trata de incorporar outra pequena parcela ao paseo, na avenida María Victoria Moreno e Alcalde Hevia.

O Concello de Pontevedra iniciará a vindeira semana distintas melloras nun dos principais espazos de encontro da veciñanza da cidade: o paseo dos Gafos. Será a reparación de pontellas e dunha pasarela no tramo do Enil, a substitución das escaleiras de Ponte Boleira, e a mellora paisaxística dunha parcela que se incorporará ao Gafos abríndoo á avenida María Victoria Moreno. Ademais, o Concello trata de engadir outra nova parcela na extrema de María Victoria con Alcalde Hevia.

No tramo rural do Gafos substituiranse as tres pontellas e unha pasarela. En concreto dúas das pontellas atópanse no tramo de Tomeza e unha terceira no Mar da Presa, e a pasarela é neste último punto. O custe de substitución destes elementos de madeira é de 6.000 euros.

Outras da intervencións previstas de aquí á primavera é a retirada e substitución das escaleiras de madera que baixan de Ponte Boleira ao Gafos. Aínda que se teñen feito moitas intervencións nelas para alongar a súa vida útil, chegou o momento de ter que retiralas e substituílas por unhas novas. O orzamento desta actuación é de 17.000 euros.

A terceira das intervencións previstas -e que comezará a vindeira semana- será a incorporación dunha nova parcela ao paseo do Gafos. Trátase dun espazo duns 380 m2 xa desbrozado meses atrás que linda coa avenida María Victoria Moreno e o parque, e nos seus laterais con dúas construcións (un taller e unha vivienda).

A intervención consiste en ir creando dous noiros dentro da parcela para salvar a altura con respecto á rúa, e plantacións de freixos, sabugueiros, arbustivas e planta con flor. Nos laterais colocarase hedra para tapizar. No centro da parcela, instalarase unha gran escaleira central con planchas de granito e bancos.

O investimento desta actuación é de 47.000 euros.

Ao mesmo tempo, o Concello está tratando de incorporar unha nova parcela ao paseo urbano do Gafos, situada na esquina de María Victoria Moreno con Alcalde Hevia. Ten unha lonxitude de 7 metros por María Victoria Moreno e 10 metros de fachada por Alcalde Hevia.

Con estas actuacións o Concello quere recuperar espazos públicos, mellorar todo o parque con actuacións intensivas e permitir que os veciños ocupen as zonas verdes nas mellores condicións e gocen delas.