Os Solfamidas, pregoeiros do Entroido-2019

77
  • Subirán ao escenario na Ferrería, o día 1, ás 21.00 horas
  • Editados 15.000 exemplares do programa do entroido pontevedrés que estarán a disposición do público no servizo municipal de Cultura, no Concello e nas oficinas de turismo a partir do luns 25 de febreiro

Desvelado o misterio. Os Solfamidas son os pregoeiros do Entroido-2019 de Pontevedra. A concelleira de Festas, Carme da Silva, acompañada por varios integrantes da comparsa deu a coñecer a nova, convidando a todas e todos a deixarse sorprender polos Solfamidas no arranque do entroido, o vindeiro 1 de marzo.

“É unha homenaxe á comparsa (que vén de sufrir un incendio que arrasou parte das súas instalacións e equipamentos)” e un acto “de xustiza” xa que dende a súa creación, hai quince anos, contribúen a darlle colorido e vitalidade ao entroido da Boa Vila, subliñou a concelleira de Festas, segura do éxito que acadará o seu pregón.

Ángel (Lito) Rodríguez, en representación da comparsa “Os Solfamidas”, sinalou que para todos eles “é unha honra” ser os encargados do pregón do Entroido-2019, ao tempo que recoñecía que “estamos algo asustados” pola encomenda, porén animados polo reto. Expresou un desexo: que todas as persoas que asistan ao pregón o pasen ben.

Ademais de desvelar o nome dos pregoeiros, a concelleira de Festas anunciou a saída de imprenta do programa de man Entroido Pontevedra 2019. Son 15.000 exemplares. Están a disposición do público no servizo municipal de Cultura (r/ Churruchaos) e no Concello (Michelena, 30), e a partir do vindeiro luns 25 de febreiro, na Casa da Luz e as oficinas de turismo da cidade.

O programa pode descargarse a través da web do Concello ou no seguinte enlace