Cabos Soltos, unha aposta pola escena creativa emerxente da man da hostalería

170
  • Un catálogo de locais abertos á cultura, outro de artistas con as súas propostas e un boletín ao día coa programación, ferramentas para dar a coñecer o que se move na cultura na cidade a partir do 21 de marzo
  • Unha festa de presentación (do 21 ao 23 de marzo) coa participación de 25 locais e 35 bandas e artistas, pistoletazo de saída de Cabos Soltos

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou hoxe Cabos Soltos, un novo programa municipal que nace co obxectivo de darlle pulo á escena creativa emerxente da Boa Vila, de activar as salas e os locais de hostalería da cidade para que, ademais de ofrecer o servizo para o que están autorizados, apoien a creación local.

Gulías lembrou que “este Concello traballa a cultura non só como unha cuestión meramente artística se non coma un nicho de negocio e unha parte fundamental da economía da cidade”. É certo que os grandes eventos son unha plataforma excepcional para achegar a cultura a moita xente “pero entendemos que esta aposta non pode deixar de lado a cultura nas pequenas salas” e neste eido as pequenas salas e locais serviron, e teñen que servir máis, para apoiar a cultura e a creatividade local.

A participación en Cabos Soltos pode ser en tres modalidades:

Locais, se teñen unha licenza, cumpren uns requisitos técnicos e as bases esixidas e pasa unha auditoría técnica do Concello… poderanse anotar nun Catalogo de locais que están dispostos a programar musica, exposicións, pases de moda… ou calquera actuación que teña que ver coa creatividade.

Artistas, poderanse inscribir nun catálogo onde amosar a súa proposta creativa. Servirá para que os locais teñan maior facilidade á hora de buscar propostas para programar nas súas salas.

Público, o obxectivo é incentivar o consumo de cultura en pequeno formato. Elaborarase un boletín con todos os locais e a programación para estar ao día do que move en Pontevedra.

Os catálogos e o boletín estarán listos a partir do vindeiro 21 de marzo. E a información ao día poderase consultar en www.pontevedra.gal/cabos-soltos/

Nunha primeira fase son arredor de 35 os locais que abrirán as portas a Cabos Soltos (están pasando as últimas auditorías técnicas).

O 21 de marzo comezará a programación de Cabos Soltos cunha gran Festa de inauguración de tres días – 21, 22 e 23 de marzo- na que participarán 35 bandas e artistas en 25 locais diferentes. Ángel Stanich será o encargado de dar o pistoletazo da saída a esta gran festa.

Uns encontros técnicos, que se celebrarán na Casa da Luz, completan a gran festa de presentación de Cabos Soltos.

Festa presentación. Programa