23 profesionais do mundo do libro representan a cultura lusófona no Salón

127
  • A escritora Marina Colasanti, os ilustradores André Neves, Ana Biscaia, Alfonso Cruz ou o Premio Andersen Roger Mello, a narradora Benita Prieto ou o mediador Volnei Canónica serán algún dos convidados chegados de Brasil, Angola ou Portugal.
  • Contacontos, obradoiros, charlas, workshops ou recitais que traspasarán as paredes do Salón para chegar a librarías e outros establecementos da cidade entre o 22 de marzo e o 12 de abril.
  • O programa contará tamén con brasileiros/as afincados na nosa terra tales como os músicos Sergio Tannus e Gustavo Almeida, o editor Wladimir Vaz ou Amelia Andrade, que impartirá obradoiros de gastronomía lusófona.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentou esta mañá acompañada de Eva Mejuto a delegación lusófona que representará a cultura convidada na vindeira edición do Salón e as achegas que realizará a mesma.

“Hoxe presentamos unha peza clave destes 20 anos, a lingua, a cultura convidada que é a lusofonía, que gaña máis importancia neste momento de retroceso dos falentes en lingua galega nesta década negra por mor do que levan feito as administracións competetes que deberán velar polo idioma. É importante traer un idioma que é irmán e co que chegamos a máis de 250.000.000 de persoas en todo o planeta. A lusofonía virá representada a través da embaixada de Brasil – contaremos co seu embaixador Pompeu Andreucci Neto na inauguración – , o Ministerio de Cultura de Portugal e o Instituto Camoes que farán tamén achegas económicas”, sinalaba a concelleira  remarcando que “grazas ao vehículo do idioma, a presenza da lusofonía será se caba aínda máis potente do que foi con México o ano pasado”

 Unha das diferencias que estableceu a coordinadora respecto á pasada edición é que “o ano pasado a delegación foi enviada polo Ministerio e este ano a escolma fixémola nós, atendendo a diferentes criterios e abranguendo un rexistro moi amplo xa que temos dende obras de teatro en portugués como un espectáculo para bebés baseado na poesía de Pessoa, e tanto para o congresos como para o Salón figuras lusófonas de relevancia mundial: o Premión Andersen, equivalente ao Nobel de Literatura Infantil, Roger Mello, que visitará Galicia por primeira vez, igual que Marina Colasanti, xornalista histórica, poeta e autora de literatura infantil e xuvenil. Entre todos os profesionais hai moitos premiados como Afonso Cruz  ou Ana Biscaia, ambos Premio Nacional de Ilustración de Portugal. Quixemos ofrecer unha visión ampla da lusofonía, achegando na parte da escrita autores e autoras, profesionais da ilustración e do mundo da mediación – xa que nos parece moi interesante coñecer como se fai promoción da lectura noutros contextos con iniciativas como a de Volnei Canónica. De Angola temos o pracer de recibir a visita do poeta e tradutor Zetho Cunha Gonçalves, que nos achegará tanto a súa produción poética propia como a poesía e a tradición oral do seu país.”.

Tal e como destacou Eva, o Salón mantén o seu espírito de chegar a todos os recunchos da cidade polo que as librarías contarán con contacontos, workshops, obradoiros de ilustración, presentacións de libros, recitais poéticos, e 60 establecementos hosteleiros que  fusionarán a gastonomía do país coa cultura convidada.

O Salón chegará como ano pasado tamén ao Sexto Edificio do Museo coa exposición retrospectiva ‘MOTIM. Movimento de ilustração portuguesa’ ata finais de abril: Un movemento de imaxes onde a ilustración portuguesa se revela cos seus propios trazos, cores e formas a partir da obra de 45 creadoras e creadores plásticos do noso país veciño. Mostra creada por Carpe Librum e O Bichinho de Conto, con apoio da Direção-Geral do Livro, dos Arquivos e das Bibliotecas (DGLAB) de Portugal.

Continuando co ámbito expositivo, dentro das instalacións do Salón poderemos gozar damén das seguintes mostras:

Carvoeirinhos: De forma delicada, poética e original, Roger Mello, Premio Andersen de Ilustración, narra a historia da dura realidade cotiá dun rapaz que traballa nas minas de carbón de Brasil. As expresivas ilustracións do autor captan con sensibilidade e forza a vida dura e gris deses pequenos trabalhadores. Álbum editado en Brasil por Companhia das Letrinhas.

Voar: Fragmentos de voos acompañan catro obras do autor e ilustrador brasileiro André Neves.  A materia prima do seu traballo nestes libros son os movementos das pequenas cousas que na nosa velocidade interior adoitan impedirnos percibir. Coa técnica, personaxes peculiares e un ritmo propio, o autor mostra un xeito de ser ollado con liberdade. Quen observa simplemente abre os ollos e cae no ceo de cada imaxe para imaxinar. E entón, preguntámonos, a infancia vive dentro ou fóra das ás?

Clube Mediterráneo: Baseado na obra do mesmo título, esta orixinal e revolucionaria instalación trata sobre o drama dos refuxiados que arriscan a vida no Mediterráneo soñando con poder fuxir da guerra, da fame e atopar unas condicións dignas de vida. O libro está creado a partir de poemas de João Pedro Mésseder, imaxes de Ana Biscaia, Premio Nacional de Ilustración de Portugal e deseño de Joana Monteiro, editado por Xerefé.

Portuguesas con M grande de Cátia Vidinhas: Un percorrido literario e visual polas mulleres máis destacadas de Portugal, en ámbito literario, político, científico, deportivo…

No ámbito musical contaremos con Joao Afonso, un dos cantantes portugueses máis afamado e sobriño de Zeca Afonso (Grándola, Vila Morena), que tocará cancións propias

Integrarase tamén nas actividades do programa á comunicade brasileira afincada no noso país e contaremos con Gustavo Almeida e Sergio Tannus para diferentes concertos e editor Wladimir Vaz, afincado en Pontevedra hai 6 meses ou Amelia Andrade, que impartirá obradoiros infantís de gastronomía lusófona no espazo gastro-literario que inauguramos este ano como novidade no recinto feiral: “pensamos que esta vai ser unha iniciativa de homenaxe moi importante á cultura convidada que terá moito éxito. Unha maneira de coñecer a cultura convidada son os libros e a música, pero tamén a súa comida e por iso contaremos tamén cunha cantina onde o público poderá degustar algún petisco dos sabores dos países convidados”, avanzaba Eva.

En colaboración co Cineclube Pontevedra, como xa se fixo anteriormente, programarase o filme de animación brasileiro multipremiado con máis de 40 galardóns internacionais ‘O menino e o mundo’ e o documental de Diana Gonçalves: “Mulleres da Raia”

E por suposto, os libros portugueses estarán presentes no Salón, o Ministerio de Cultura de Portugal agasállanos con cen libros infantís do país veciño, para a nosa biblioteca permanente do Salón, e as librerías Paz, Seijas e Luna Nueva venderán, durante as fins de semana no propio Salón, unha seleccion da mellor LIX lusófona da actualidade.

Un ano máis o Salón estará tamén integrado nos diferentes proxectos municipais como ‘O Ganapán, ‘Sétima Feira’ ou o programa ‘Pinto e Maragota’ de diversidade sexual dentro do que haberá unha charla sobre os dereitos LGTB en Brasil, “continuando coa idea de invadilo todo e encher a cidade en todos os aspectos e ir medrando ano a ano con esa porta aberta cara ao mundo que pretende ser a cultura convidada que nos faga gozar dunha experiencia enriquecedora para ambas partes, especialmente esta edición que cumprimos 20 anos” sinalaba Eva Mejuto.