II Premios de Investigación de Pontenciencia

49
  • Dirixidos ao alumnado de Secundaria (ESO, Bacharelato e Formación Profesional) dos centros educativos públicos e concertados de Pontevedra
  • ‣Empresas punteiras -Hifas da Terra, Cristalería Pontevedresa, Orballo, Setga e Viaqua- colaboran nos premios
  • A inscrición está aberta até o 3 de maio
  • Concello, Universidade, FANPA e empresas van da man en Ponteciencia, a Feira da Miniciencia que terá lugar o 31 de maio e 1 de xuño

Presentáronse hoxe os II Premios de Investigación-2019 “Homenaxe á muller investigadora” dirixidos ao alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional do concello. Os premios son “o espazo reservado ao ensino de Secundaria de Pontenciencia”, en palabras da concelleira de Educación, Carme Fouces. A Feira da Miniciencia-Pontenciencia terá lugar na Escola de Enxeñería Forestal do campus da Xunqueira, os días 31 de maio e 1 de xuño e neste marco entregaranse os premios.

Pontenciencia é un proxecto que ten como obxectivo desenvolver o pensamento científico e investigador e nel van da man o Concello, a Universidade, a FANPA e, colaborando cos premios, varias empresas pioneiras e na vangarda de Pontevedra: Hifas da Terra, Cristalería Pontevedresa, Orballo, Setga e Viaqua.

O alcalde Miguel Fernández Lores amosou, durante a presentación dos premios, a implicación das empresas na convocatoria, “un incentivo máis” para os que presenten proxectos. Ao contrario que os premios á investigación do alumnado de Primaria (material didáctico), os de Secundaria terán unha dotación económica (300 euros).

Lores estivo acompañado na presentación dos II Premios de Investigación Pontenciencia polo vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto; a concelleira de Educación, Carme Fouces; a coordinadora do xurado dos premios, Purificación Marcet e representantes de varias das empresas colaboradoras.

O alcalde subliñou o rigor dos proxectos presentados en Pontenciencia e fixo unha aposta pola investigación: “o futuro está na innovación, no I+D+i e hai que comezar a traballar polas idades máis pequenas”. “Os cativos teñen máis iniciativa, teñen a mente máis aberta e ademais potenciar o método científico, a investigación no ensino e completar a formación dos nenos e nenas”, engadiu Fernández Lores.

Os Premios de Investigación Pontenciencia teñen como obxectivo promover a participación das mozas e mozos de ESO, Bacharelato e Formación Profesional dos centros educativos públicos ou concertados de Pontevedra e visibilizar o traballo de investigación e desenvolvemento que se fai nas empresas. A investigación é de temática libre seguindo o método científico (tecnoloxía, ciencia, arte, videoxogos, redes sociais, fotografía,…) ou realizando un proxecto tecnolóxico (prototipo, maker, invento…).

A inscrición está aberta até o 3 de maio. Hai varias opcións de inscrición que son compatibles:

  • Inscrición por medio do centro educativo (sen límite de inscricións)
  • Inscrición independente do centro educativo: os menores deberán ter autorización e estar baixo a responsabilidade dun familiar ou titor/a
  • Inscrición individual: máximo dúas investigacións
  • Inscrición grupal: máximo tres participantes e máximo dúas investigacións

A presentación oral das investigacións para optar aos Premios de investigación 2019 “Homenaxe á muller investigadora” realizarase durante a celebración de Pontenciencia: 31 de maio e 1 de xuño.

Toda a información está a golpe de clic en educacion.pontevedra.gal/pontenciencia e no facebook pontenciencia

Pontenciencia é un proxecto que ten como obxectivo desenvolver o pensamento investigador. Pon ao alcance dos cidadáns un conxunto de ferramentas e actividades que proxectan unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación para realizar unha investigación e presentala ante os participantes e cidadanía nunha feira de ciencias, que denominamos Pontenciencia. Este ano será a sexta edición.

O proxecto conta cunha serie de actores principais:

• Comités científicos (formados por profesorado universitario da Universidade de Vigo, Misión Biológica de Galicia-CSIC e Instituto Español de Oceanografía de Vigo

  • Alumnado de Educación Primaria (que pode participar a través de dúas modalidades): Ciencia no cole e Ciencia en familia
  • Alumnado de educación secundaria, formación profesional e bacharelato que participa nos Premios de investigación 2019
  • Anpas, Fanpa e cidadanía en xeral.

Obxectivos:

  • Achegar a ciencia e a innovación dende o máis próximo e o cotiá.
  • Promover a comprensión de conceptos ou fenómenos científicos.
  • Despertar a curiosidade e o interese científico a nivel persoal/ colectivo
  • Estimular a participación cidadá en procesos científicos.
  • Visualizar a ciencia entre os nenos/as e o público en xeral.

PARTICIPACIÓN DE PRIMARIA: CIENCIA NO COLE E CIENCIA EN FAMILIA Están participando un total de 10 centros de ensino: CEIP San Martiño, CEE Pontevedra, CEIP San Benito de Lérez, CEIP Pontesampaio, CEIP Froebel, CPR Sagrado Corazón Pontevedra, CPR San José, CEIP Cabanas, CPR Sagrado Corazón Placeres e CPR Salvador Moreno, con 350 participantes entre alumnos/as e docentes na categoría de Ciencia no Cole e 15 familias en ANPAS na categoría de Ciencia en Familia.

Nos dous casos reciben formación para a realización das investigacións a través dos Obradoiros de formación no método científico que indican o protocolo a seguir de maneira lóxica e organizada e como conseguir que os resultados sexan reproducibles e confiables. Unha vez recibida a formación, seleccionan a súa investigación a realizan, asesorados durante o curso escolar para poder finalmente presentala ante o xurado o día da feira

PARTICIPACIÓN DA UNIVERSIDADE DE VIGO E CENTROS DE INVESTIGACIÓN

Paralelamente aos obradoiros constitúense comités científicos, formados por 24 mestres/ as e investigadores das Facultades do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Misión Biológica de Galicia-CSIC e Instituto Español de Oceanografía de Vigo que aportan propostas de investigación a disposición dos participantes. As propostas que presenta cada comité están fundamentadas e documentadas de modo que facilitan a comprensión e participación dos escolares.