Trece empresas presentan oferta para a rehabilitación do novo Local social dos Campos

32
  • O vindeiro mércores celebrarase a primeira mesa
    de contratación para coñecer as propostas.
  • O prezo de licitación é de máis de 500.000 euros e ten un prazo de unha execución de 5 meses.

A Mesa de contratación do Concello de Pontevedra recibiu 13 ofertas de empresas para a rehabilitación do novo Local social dos Campos, situado na parroquia de Mourente, nas dependencias da antiga escola unitaria. O proxecto ten un prezo de 536.423,53 euros e un prazo de execución de 5 meses.

As empresas que presentaron oferta son:

  • Acevi
  • Planificación, desarrollo y gestión de construcciones
  • Sitexca 2016
  • Sodein Soluciones integrales
  • Ingeniería y construcciones Piñeiro
  • Construcciones Castro Figueiro
  • UTE Construcciones Ramírez – E.C.Casas
  • Obras Gallaecia
  • Civis Global
  • Prace servizos y obras
  • Obras y servicios Gómez Crespo
  • Pradolameiro
  • Construcciones Orega

Este mércores, 13 de marzo, reunirase a Mesa de Contratación para abrir as ofertas que presentou cada construtora.

O novo núcleo parroquial de Mourente

Co acondicionamento do Local social, o Concello pretende ir conformando o novo núcleo parroquial de Mourente, nos Campos onde están as pistas de petanca, o novo Local Social e estará perfectamente conectado coa cidade a través da nova vía proxectada pola Deputación Provincial.

Este edificio son dúas estruturas distintas e construídas a distintas alturas: a casa dos mestres e a escola, coas que se fará unha gran aula. Estará separada por portas abatibles e un corredor polo medio que servirá de conexión entre ambos lados do edificio.

No caso de ser preciso retíranse as portas e créase unha gran aula cunha cabida para unas 80 persoas sentadas ou 120 de pé, ou ben dúas aulas independentes. En todo caso, está pensada para facer distintas actividades como cociña, conferencias, exposicións…

Tamén haberá unha dotación de oficinas e almacén, e farase un módulo de baños fóra do edificio pero conectado con este cun corredor acristalado.

Finalmente, o edificio complétase cun bancada exterior para facer actividades ao aire libre, xa que tamén está previsto o acondicionamento da contorna.

O inmoble ten unha superficie construída de 263 metros cadrados e a súa rehabilitación levará aparellada unha actuación na contorna.